O chef Óscar Vidal, nos obradoiros Cociña Capital
O chef Óscar Vidal, nos obradoiros Cociña Capital
Elaborou un salpicón de lumbrigante feito totalmente á brasa
Un salpicón de lumbrigante á brasa foi o prato elixido polo chef Estrela Michelin Óscar Vidal para impartir este primeiro obradoiro de Cociña Capital.
O chef galego cambiou o seu asador do restaurante O Pazo de Padrón pola aula gastronómica da praza de abastos de Santiago.
Nesta clase elaborou unha receita cuxos ingredientes principais son lumbrigante, ovos e tomates, todos cociñados á brasa, aceite, vinagre e un chisco de sal.
"Primeiro imos asar as xemas, en vez de cocelas asámolas para que dean ese ton a salpicón de ovo cocido; despois facemos unha especie de emulsión, á que lle imos botar as cabezas do lumbrigante. Iso sería a base xunto coas patas picadas, e despois enriba poñemos o corpo e logo unha pequena emulsión de tomate asado", sinala Óscar Vidal.
"Intentamos que sexa de proximidade, o que todo galego poida atopar nas prazas de abastos".
E isto sería o resultado de todo este proceso, unha vez empratado. O chef galego destaca a importancia de facelo con produtos frescos e de proximidade.
"Iso totalmente. Nós somos unha casa que sempre intenta comprar desde Rianxo a Ribeira, estamos moi pretiño de Rianxo e o que non podemos atopar alí, o restaurante ten que abrir e hai que ir expandindo, pero intentamos que sexa de proximidade, o que todo galego poida atopar nas prazas de abastos", afirma Óscar Vidal.
O público esgotou as prazas dispoñibles para asistir a este primeiro obradoiro das xornadas Cociña Capital.