O choque de trens na India puido deberse a un erro na sinalización
O choque de trens na India puido deberse a un erro na sinalización
O sinistro, con preto de 300 mortos, é o máis grave no país en dúas décadas
O primeiro ministro da India acudiu ao lugar do suceso, no estado de Odissa, ao leste do país, e visitou un dos hospitais onde están atendendo as persoas feridas. Modi subliñou que se vai facer unha investigación exhaustiva e que os responsables serán castigados con dureza.
Os labores de busca de superviventes concluíron pero seguen os traballos de desentullo e recuperación de cadáveres.
As autoridades da zona confirmaron ata agora 288 persoas mortas. Entre os feridos, arredor de 900, hai moitos graves, polo que se teme que a cifra de falecidos aumente.
Un viaxeiro que saíu ileso comparaba o que viu cun escenario de guerra, con berros de socorro e corpos por todas partes.
No sinistro víronse implicados dous trens de pasaxeiros en circulación e un de mercadorías que estaba estacionado.
Causas do accidente
As autoridades non ofreceron de momento unha explicación oficial do ocorrido, pero de xeito anónimo desde o departamento de Ferrocarrís apuntaron a un posible erro humano.
Ao parecer, o tren de pasaxeiros máis grande abandonou a vía principal inesperadamente, tomou unha liña circular e chocou a 127 quilómetros por hora co tren de mercadorías. Os vagóns acabaron na vía pola que viña o segundo tren de pasaxeiros, que bateu contra eles.
O informe preliminar observa tamén a posibilidade dun erro de sinalización, como desencadeante da traxedia.