O de Santiago é o primeiro hospital de España en contar cun simulador de trombectomía
O de Santiago é o primeiro hospital de España en contar cun simulador de trombectomía
Nese simulador practicarán profesionais, residentes e estudantes e está preparado para facer formación en rede co resto de centros do Sergas
Un simulador endovascular acaba de incorporase aos recursos de Centro de Simulación Clínica Integral do CHUS. Nel, especialistas en neuroloxía, cirurxía vascular e radioloxía poden ensaiar como abordar os ictus máis severos. Cunha boa praxe e coa técnica da trombectomía, o 30 % dos pacientes que quedarían con secuelas gravísimas poden ser totalmente independentes.
A formación a partir de simuladores é tamén para médicos residentes e alumnos da Facultade de Medicina.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou que cun investimento total de 800.000 euros os simuladores permitirán ademais abordar o aumento do alumnado de Medicina aprobado pola interterritorial de Sanidade e que se prevé dun 15 %.
Ademais, os simulares serán nun futuro unha práctica fundamental para coller destreza en técnicas innovadoras, sen risco algún para os pacientes.
O CESIS traballa en rede co resto dos centros do Sergas
O simulador endovascular únese a outros que teñen xa máis de dous anos de percorrido en Santiago, e nos que recibiron xa formación máis de 1.800 alumnos, entre eles os da unidade perinatal e o simulador médico cirúrxico.