Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Club Baloncesto Brión busca axuda económica para xogar o campionato de España

O Club Baloncesto Brión busca axuda económica para xogar o campionato de España

O equipo, subcampión galego, precisa quince mil euros 

O torneo xógase en Cádiz durante unha semana. Comeza o 25 de xuño.

G24.gal 16/06/2023 20:47

Unha vitoria inesperada clasificou o Club Baloncesto Brión para o Campionato de España que se celebrará en Cádiz durante unha semana a partir do 25 de xuño. A priori tratábase dun premio... ata que botaron contas e viron que precisaban 15.000 euros, a metade do seu presuposto anual.

"Chamamos a todas as portas. Primeiro nas da Administración, claro, e en todas nos dixeron que non por motivos diferentes. Deixáronnos de lado e aí é onde se activaron as familias e os directivos", explica Chechu Yáñez, coordinador do club. 

A cuestión é que a urxencia agudizoulles o enxeño: clases de ioga, venda de rifas, concertos..., toda a recadación irá destinada á viaxe das trece nenas e tres adultos. Pero se algo valora o club son as achegas dos cidadáns particulares

"Recibimos unha dunha nena dun equipo que perdeu a outra semifinal co Celta. Ela non vai ir ao campionato de España pero quere colaborar para que viaxe o noso club", conta Chechu emocionado. 

A onda de solidariedade non ten límite. O club leva recadado máis da metade do que precisa. O soño das trece cativas, de entre once e doce anos, é cada vez máis factible. "Ir a Cádiz é un soño e medirnos alá coas mellores de España é incrible", di Uxía. "Estamos adestrándonos catro días á semana. Preparámonos para todo. Aínda que perdamos imos quedar ata o final", engade Arume. 

O próximo sábado día 24 saen en autobús para xogar o seu primeiro partido o domingo ante o campión de Estremadura, o Cáceres. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade