Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Clúster de Turismo de Galicia prevé ata un 80 % de ocupación na Semana Santa

O Clúster de Turismo de Galicia prevé ata un 80 % de ocupación na Semana Santa

O presidente do organismo admite que a meteoroloxía pode facer variar as previsións

Ferrol e Viveiro prevese que acaden o cheo total

G24.gal 23/03/2024 15:33 Última actualización 23/03/2024 20:55

O presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal,  asegura nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega que a previsión para esta Semana Santa é que Galicia rexistre unha ocupación de entre "un 70 e un 80 %", pero recoñece que a meteoroloxía pode traer consigo cancelamentos de última hora.

"As previsións que nos comentan para a Semana Santa son da contorna dun 70-80 % pero vai depender moito do factor climatolóxico porque pode haber algún tipo de cancelación de última hora". 

A tendencia é alta en toda a comunidade e podería chegar a haber un cheo total nalgúns puntos como Ferrol ou Viveiro, con senllas declaracións de Interese Turístico Internacional.

Noutros puntos coma Compostela e o Camiño, non se desbota que as reservas acaden o 80 %. Tamén hai boas previsións para a Ribeira Sacra, neste caso co turismo rural, que se moverá na contorna de 70 ou 75 %, segundo indican dende o Clúster.

Os visitantes son principalmente de proximidade aínda que -segundo Pardal- hai bastante afluencia de turistas portugueses e franceses. O obxectivo, afirma, é potenciar a desestacionalización e ampliar o mercado internacional, que nestes momentos é do 32 %.

Con todo, dende o Clúster quéixanse da falta de concreción sobre a chegada dos trens AVRIL a Galicia e apuntan que isto deixa a nosa comunidade en desvantaxe e Pardal di que non se pode determinar a oferta nin ofrecer paquetes turísticos.

"Non sabemos cando van chegar os trens AVRIL, as frecuencias do AVE son insuficientes e non podemos ofrecer os paquetes turísticos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade