Ibuprofeno: os farmacéuticos defenden a actual regulación e piden usalo con responsabilidade
Ibuprofeno: os farmacéuticos defenden a actual regulación e piden usalo con responsabilidade
O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña responde á petición da OCU para que a Axencia Española do Medicamento "investigue os efectos adversos" deste analxésico antinflamatorio
Explican os farmacéuticos que as contraindicacions son coñecidas e instan os cidadáns a atender os consellos clínicos, ler sempre os prospectos e non automedicarse
Os farmacéuticos galegos consideran axeitada a normativa sobre o uso do ibuprofeno no noso país. Explican que, como con outros medicamentos, os efectos adversos e indicacións son ben coñecidos. Explican que como calquera outro medicamento, está desaconsellado para determinados pacientes.
"Ten efectos gastrolesivos e determinadas situacións en que non se pode tomar: enfermos renais crónicos, patoloxía cardiovascular... Sabemos que é un medicamento que, ademais, aumenta a tensión arterial", lembrou Paula Briones, vogal do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña.
A dose máxima con prescrición médica son 2.400 miligramos ao día. E 1.200 miligramos/día no caso de adquirilo sen receita. Nunca se deben superar as doses recomendadas.
Os que o usan como analxésico deber saber que ese efecto se logra con tan só 400 miligramos, e que se consomen 600 só para aliviar a dor están sobrecargando os riles e o fígado.
"Nunca acompañado de alcol, o alcol pode potenciar a súa toxicidade".
Na opinión dos nosos farmacéuticos, a regulación deste antiinflamatorio no noso país é correcta, pero é importante que o cidadán consulte.
"Penso que o uso como medicamento para tratamento crónico está ben regulado. Se necesitamos, por suposto, máis educación na poboación", engade Paula Briones.
Hai que lembrar sempre que os medicamentos con receita teñen que ser prescritos, e no caso dos sen receita hai que preguntar aos farmacéuticos e ler os prospectos.