O comité científico cre que o impacto do granulado plástico será "limitado"
O comité científico cre que o impacto do granulado plástico será "limitado"
O grupo de expertos avaliará o impacto dos pellets a medio e a longo prazo
Desde o comité científico que asesora a Xunta non perden de vista a evolución da vertedura de pellets e dos seus posibles efectos nas nosas costas e no medio mariño.
"Sen minimizar o tema, hai que poñelo no contexto. Estamos falando de que na UE se manipulan 57 millóns de toneladas de granulado ao ano. Estamos falando de que se perden no medio ambiente entre 50.000 e 180.000 toneladas, pois neste caso temos unha vertedura de 26 toneladas, e non chegou todo ás nosas costas chegou unha parte pequena", di Covadonga Salgado, directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.
Este venres reuníase por vez primeira este comité científico que avaliará o impacto a medio e a longo prazo dos plásticos no mar.
"É unha substancia allea ao medio mariño, que poden inxerir aves ou crustáceos, pero é unha substancia que os seus aditivos non son perigosos e si hai que ir vendo o que poida absorber o medio, o pouco que quede hai facer un seguimento", engade.
No comité científico participan as tres universidades galegas e 11 entidades. Agora agardan que diminúa a chegada de pellets plásticos a Galicia. Indican que o cambio nas correntes leva todo ese material cara ao Cantábrico.
"O operativo no mar está despregado, porque o que se busca é se acadamos atopar algún saco evitamos un millón e medio de boliñas que poidan dispersarse logo. Ese operativo segue e hai un operativo moi importante en terra con máis de 400 efectivos", destaca.
Desde o comité de expertos aseveran ademais que neste operativo tamén se está a retirar dos areais macrolixo, con máis de oito mil quilos xa recollidos.