O comité galego do transporte pide a mellora da A-52 e da A-6
O comité galego do transporte pide a mellora da A-52 e da A-6
O sector do transporte tamén reclama bonificacións nas peaxes da AP-53
Unhas infraestruturas para o transporte de mercadorías que non se corresponden co século XXI. Así definen os representantes do sector as conexións viarias a través da autovía A-6 e da A-52 con problemas de seguridade polas condicións do firme. Pero non son as únicas.
"Na Mariña ese traxecto que está cortado por obras hai xa moitos meses e que non se dá acabado. Temos tamén a mal chamada autovía Lugo-Santiago, que non se acaba nunca. Temos Ourense-Lugo que tampouco".
O Comité Galego do Transporte tamén reclama axilidade nas obras de reposición do viaduto do Castro, na autovía A-6.
"Coincidimos en que a reconstrución dos viadutos da A6 debe ser o mais rápido posible. Pero sobre todo reclamamos esa reconstrución simultánea dos dous viadutos na A-6. Porque o certo é que leva case tres anos pechada".
O sector do transporte tamén reclama bonificacións para a autoestrada AP-53 entre Santiago e Lalín, similares ás que funcionan na AP-9, e a creación de áreas de estacionamento vixiadas para garantir a seguridade dos transportistas.
Ao remate da xuntanza, a conselleira de Transportes tamén se referiu ás demandas dos traballadores do transporte de viaxeiros, que teñen convocada unha folga para este xoves. Ethel Vázquez pídelle ao Goberno central que autorice unha revisión dos contratos de servizos, como xa fixo coas obras públicas, para poder repercutir os custos da inflación.