O Compostela acada postos de promoción tras vencer ao Raio Cantabria (3-1)
O Compostela acada postos de promoción tras vencer ao Raio Cantabria (3-1)
Os santiagueses igualan os puntos do filial racinguista na táboa xeral
Manu Barreiro anotou dous tantos dende o punto de penalti
A S. D. Compostela superou por tres goles a un o Raio Cantabria nun partido en que non faltou a polémica.
A primeira metade comezou con ambos os equipos querendo evitar riscos, aínda que gozaron de varias ocasións sen moito perigo. Un golpeo ao poste dos santiagueses e un man a man ben detido por Pato Guillén foron as ocasións máis claras, ata que no tempo engadido Juampa é derribado na área nun intento de remate. Dende os once metros non perdoa Manu Barreiro, no que é o seu oitavo gol na liga.
No segundo acto, o encontro estoupou cando os visitantes quedaron con dez polo dobre cartón amarelo a Marco no minuto 50. Aínda así, tres minutos despois o filial racinguista logrou o empate cun centro rematado por Santamaría. A partir deste momento, o Compostela monopolizou a posesión do balón, fronte a un Raio Cantabria que pechou filas no seu campo. No minuto 70, os locais encamiñaron a vitoria logo de que Parapar rematase a pracer un bo centro raso. Nove minutos despois, Manu Barreiro viu porta por segunda vez dende os once metros e sentenciou o partido.
O Compostela sitúase así en playoff, á espera do que fagan o resto dos equipos, igualado a 27 puntos co Raio Cantabria.