Cita coa filloa da pedra no concello da Baña
Cita coa filloa da pedra no concello da Baña
A festa gastronómica chega á súa décimo oitava edición
As filloeiras botan fume no concello da Baña desde primeira hora da mañá e así seguirán durante todo o día.
"A Baña é a capital da filloa, e punto", di unha voluntaria da Festa da Filloa.
Trinta voluntarias da Asociación da Filloa encárganse de preparar as preto de 18.000 unidades que se van servir. O típico na zona é comelas salgadas, aínda que tamén as preparan doces con todo tipo de recheos.
"Ímolas preparar soas e despois témolas en doce e en salgado. En salgado témolas con lacón con grelos, con orella e con chourizo".
"Incluso con galleta, con chocolate, con mel. Pode ser de sobremesa ou para come, e soas están tamén boísimas."
Fariña do país, ovos da casa, auga e sal. Ademais do que leva o amoado, hai outro ingrediente que non pode faltar.
"O secreto dunha boa filla, paciencia. Quen ten paciencia e ten arte ten todo asegurado"
"É un produto artesanal, leva moito tempo facela, hai que ir lentamente."
Entre o público atopamos os que veñen aquí ano tras ano e tamén quen se achega ata a Baña para probar as filloas da pedra por primeira vez.
"Nós vimos tódolos anos, pero vimos na bicicleta, así que non podemos botar moito tempo. Probaremos unha, se non despois non damos subido a costa, din dous ciclistas que se chagaron ata a Baña".
"Nunca as probei, por iso veño probalas."
"Son un pouco máis secas, pero están moi boas igual."
"As filloas á pedra están moito máis ricas. As feitas en ferro non quedan tan ricas."
Pola tarde, continúa a festa con música, actividades para os máis pequenos e, por suposto, con máis filloas.