O Concello da Coruña amplía a emerxencia sanitaria para reforzar a recollida de lixo
O Concello da Coruña amplía a emerxencia sanitaria para reforzar a recollida de lixo
Continúan os acto vandálicos, con tres colectores queimados durante a noite
Na Coruña, o goberno local decidiu ampliar a toda a cidade a situación de emerxencia sanitaria decretada o pasado 22 de xullo.
O lixo continúa amoreándose en moitos puntos e poñendo en perigo a saúde da veciñanza a pesar de que a empresa contratada polo Concello para limpar a cidade retira cada día unha media de cincuenta toneladas de residuos.
A extensión da emerxencia sanitaria permitirá contratar máis persoal e aumentar os horarios de recollida para chegar a todos os puntos da Coruña, onde non cesan os actos vandálicos vencellados a este conflito iniciado o 24 de xuño cunha folga intermitente que tornou indefinida.
Volven arder colectores
Uns minutos despois da unha madrugada os bombeiros sufocaron o incendio que afectou dous colectores dunha rúa próxima a Catro Camiños e deseguido desprazáronse ao barrio do Castrillón, onde o lume tamén alcanzou un coche.
Desde o inicio do conflito, a concesionaria Prezero botou cinco empregados e abriu case un cento de expedientes disciplinarios entre o cadro de persoal.
O Concello denuncia que ningún traballador cumpre coas súas obrigas, malia que desde hai varios días tampouco secundan a folga.
Segundo o sindicato STL, que controla o comité de empresa, é a consecuencia dos despedimentos, as sancións, a falta de medios e as baixas médicas, case setenta nas últimas semanas.