O concello da Merca quere rehabilitar e poñer en valor os 34 hórreos que forman o conxunto protexido
O concello da Merca quere rehabilitar e poñer en valor os 34 hórreos que forman o conxunto protexido
O concello da Merca quere rehabilitar e poñer en valor os 34 hórreos que forman o conxunto protexido
É unha das maiores concentracións de canastros de Europa
Unha das maiores concentracións de canastros de Europa está no concello da Merca: 34 hórreos que o concello quere agora rehabilitar. Como Ben de Interese Cultural, é un conxunto protexido que queren poñer en valor e darlle unha maior proxección turística.
Foi nos anos noventa cando se acometeu a última rehabilitación do conxunto dos hórreos da Merca, pero o paso do tempo foi deixando pegada, nalgúns máis ca noutros.
"A maioría dos que están no exterior e no frontal teñen unha recuperación practicamente integral. Os que están no medio algo mellor, pero grosso modo en todos hai que tocar", explica Xoán Manuel Taín, segundo Tenente de alcalde da Merca.
Estiman que a maioría destes hórreos foron construídos a principios do século XX, e están protexidos dende o ano 1973. Na década dos setenta do século pasado os hórreos, xa en desuso, foron reagrupados neste enclave. Trátase dun dos conxuntos de canastros máis grandes de Galicia e un dos máis importantes de Europa.
Agora, ademais de recuperar os canastros, o Concello quere poñer en valor o conxunto nun percorrido facilmente transitable e con iluminación nocturna. E aproveitar o feito de que no seu día acordaran colocalos todos xuntos nun lugar privilexiado coma este.
"Decidiron trasladalos todos alí, xuntáronos todos sen pensar na consecuencia que terían, algo súper turístico, visítaos un montón de xente, e o que queremos é pólos en alza, en valor, e darlles a dimensión turística que teñen, aparte de estar declarados como BIC", apunta Xoán Manuel Taín.
Para acometer estas actuacións deben contar coa autorización dos seus propietarios, esa é a tarefa en que traballa o Concello a día de hoxe. Calculan que cada ano arredor de catro mil persoas visitan os hórreos da Merca.