O concello da Pobra do Brollón recomenda non consumir auga da traida
O concello da Pobra do Brollón recomenda non consumir auga da traida
Os arrastres dos incendios do ano pasado encheron de lodo os ríos de abastecemento
Na Pobra do Brollón, o Concello busca solucións pola presenza de lodo na auga destinada ao consumo. As chuvias torrenciais dos últimos días, unidas ao fráxil estado dos montes da zona, como consecuencia dos incendios do ano pasado, provocaron arrastres que encheron de lodo os ríos Loureiro e Lor, que abastecen de auga gran parte do municipio.
Ante esa circunstancia, o goberno local viuse na obriga de emitir dous bandos en que recomenda, ata novo aviso, non consumir auga da billa nas zonas de Barxa de Lor, Pereiro, Domiz, Recemunde, Tudriz, Martul, Vilardeperas, Lamaigrexa, Castroncelos, Vilarmao, Piñeiros, A Estación, Cereixa, Abrence, Frieira, Pinel e A Pobra do Brollón.
“O noso concello é vítima dunha situación derivada dunha grave crise ambiental, provocada polos grandes incendios vividos o verán pasado”, dixo o alcalde da Pobra do Brollón Xosé Lois Maceda.
Previsiblemente, engadiu: “Cando amaine a choiva, mellorará a estado da auga, pero esta situación seguramente vai repetirse ao longo do outono e do inverno”. Iso levou o Concello a manter conversacións coa Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño Sil para tratar de buscar algún tipo de solución.