Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Amoeiro piden moderación no uso da auga tras detectar consumos "elevadísimos"

En Amoeiro piden moderación no uso da auga tras detectar consumos "elevadísimos"

Piden que a auga da traída non se utilice para encher piscinas ou para regar e que o seu uso se limite o ámbito doméstico

O de Amoeiro, con 2.450 veciños, é o segundo concello con máis piscinas na provincia de Ourense.

G24.gal 16/07/2023 21:00 Última actualización 16/07/2023 21:23

O concello de Amoeiro pídelles aos seus veciños un consumo moderado e racional da auga. Detectaron nos últimos días un incremento no consumo que duplica o habitual. Non hai restricións polo de agora, pero algunhas vivendas percibiron xa menos presión da normal na traída. 

Dende o concello de Amoeiro piden responsabilidade aos veciños. 

"Hoxe temos unha situación no tema da auga bastante complicada no concello, porque normalmente durante o ano temos un consumo medio entre 750.000- 800.000 litros, e hoxe estamos superando o 1.200.000 litros. Traer a auga dende onde a traemos, que vén de Rivela, a nove quilómetros en liña recta e a 150 metros de desnivel é moi complicado, moi difícil e moi custoso e evidentemente se temos esta situación complícase aínda máis." Explica Brian Diz, concelleiro de Educación e Deportes no concello de Amoeiro.

Por iso piden que a auga da traída non se utilice para encher piscinas ou para regar e que o seu uso se limite o ámbito doméstico. O de Amoeiro, con 2.450 veciños, é o segundo concello con máis piscinas na provincia de Ourense.

"A auga agora no verán é cando hai que tratar de mirar por ela por ben de todos. Canto máis se vixíe mellor, é ben para todos, porque se empezamos a tirar moito, moito, moito, despois chegamos a un momento que nin un nin outro, non temos nada."

Non foi preciso polo de agora aplicar restricións pero deu lugar ao baleirado de depósitos e nalgunhas vivendas a presión que chega na auga da traída é menor do habitual.

"Todos os veráns hai escaseza de auga, pero o motivo realmente... todos gastamos o que nos parece, e ás veces non somos tamén conscientes da tirada de auga que facemos, sen necesidade."

Lembran que está prohibido lavar o coche e regar o céspede con auga da traída e piden ademais o uso preferente dos pozos naquelas vivendas que dispoñan deles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar