Cerdido atrae cada vez máis estranxeiros que valoran a vida do rural e o clima atlántico
Cerdido atrae cada vez máis estranxeiros que valoran a vida do rural e o clima atlántico
De feito, os estranxeiros supoñen case o 10 % do censo municipal
Na parroquia da Barqueira, no concello de Cerdido, Jan mercou en 2022 esta casa que rehabilitou case por completo. Este mariño retirado holandés non coñecía nada de Galicia, o que non lle impediu vir e quedar para deseñar unha vivenda ao seu gusto. "Hai tres niveis e é aberta e moi alta. Gústame a altura. Ten moitas posibilidades e tamén ten moito terreo, unha media hectárea", explica Jan Zaanen.
Casas rústicas de pedra, deshabitadas para rehabilitar. Son o tipo de vivenda que buscan os estranxeiros que se queren instalar en Cerdido. Un concello que viu como nos últimos anos medrou a súa comunidade internacional. De feito, os estranxeiros supoñen case o 10% do censo municipal. Segundo o alcalde Alberto Rey, "andamos sobre os 1.044 habitantes censados aquí en Cerdido e deles 83 son estranxeiros. As nacionalidades son diversas, desde bielorrusos, suízos, holandeses, alemáns, etc.".
Con pouco máis de 52 quilómetros cadrados, Cerdido é un concello rural da comarca do Ortegal a tan só 5 minutos de Cedeira e a 30 de Ferrol. Quen chega do estranxeiro valora principalmente o seu clima e a súa vida tranquila. "Eu prefiro aquí. Está cerca o mar porque me gusta xa que eu fun mariñeiro e gusto das praias, pero da tranquilidade tamén", di Jan Zaanen.
No municipio continúan a ofertarse casas á venda. "Por aquí algunha casa vendeuse por uns 10.000 ou 15.000 euros, pero son casas que precisan de moito investimento para rehabilitalas. Mais algúns deles mentres viven na autocaravana fóra e están así instalados", puntualiza o alcalde de Cerdido.
Foi o caso de Jan que despois de dous anos acaba de mudarse ao seu novo fogar.