O Concello de Ferrol rectifica e publicará os contratos que licite en galego e español
O Concello de Ferrol rectifica e publicará os contratos que licite en galego e español
Os responsables locais escudábanse en que os servizos servizos lingüísticos do Concello "non tiñan capacidade suficiente"
Unha colaboración coa Xunta permitirá "reforzar esa acción de tradución"
O Concello de Ferrol rectificou a súa decisión de redactar os contratos dos procedementos que licite "exclusivamente en lingua española", como anunciara o seu tenente de alcalde, Javier Díaz Mosquera, e seguirá publicando as licitacións nas dúas linguas oficiais de Galicia, e que o fará en virtude dunha colaboración coa Xunta.
Os populares escudábanse en que os servizos lingüísticos do Concello de Ferrol "non tiñan capacidade suficiente para atender o exceso de traballo que require a tradución de pregos complexos", polo que, "para traballar sen atrasos, de forma provisional, abriuse a posibilidade, puntualmente, de realizar as licitacións en castelán, tal e como fan noutros concellos de Galicia".
Pero para "poder ofrecerlle á cidadanía estes documentos nas dúas linguas oficiais, castelán e galego, a Xunta e o Concello de Ferrol, estaban xa en contacto para establecer unha colaboración e apoio, que foi pechada nas últimas horas", dixo, despois de que transcendese a instrución na que cinguía á lingua española a publicación desa documentación.
Desta maneira, Díaz asegurou que "o Concello de Ferrol terá proximamente á súa disposición os servizos lingüísticos da Xunta para reforzar esa acción de tradución e, así, sen dilatar os prazos, ofrecer á cidadanía o acceso aos contratos en ambos os idiomas".
Tras coñecerse a intención de facerse só en castelán por "axilidade administrativa", a Mesa pola Normalización Lingüística mostrara o seu rexeitamento á exclusión do galego destes documentos e instaba o Goberno local "a rectificar inmediatamente", e demandaba ao Estado "que corrixa a normativa de publicación de contratos".
Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, esta decisión do Concello de Ferrol é consecuencia de "unha interpretación aínda máis restritiva da Directiva Europea do que xa o fai a lexislación do Estado", e que "a solución non está en negar a oficialidade do galego, senón en seguir publicando en galego e en reclamar do Goberno español que permita a publicación orixinal en galego e maiores esforzos para alcanzar a oficialidade do galego na Unión Europea".