O Concello de Lalín e os axentes económicos do Deza, xuntos para pedir rebaixas na AP-53
O Concello de Lalín e os axentes económicos do Deza, xuntos para pedir rebaixas na AP-53
Queren facer unha fronte común para levar a cabo medidas de presión
Piden as mesmas bonificacións ca na AP-9, coa viaxe de volta gratuíta no día
Percorrer os 42 quilómetros que separan por autoestrada Santiago de Lalín custa xa 6,40 euros. Un prezo inasumible para moitos, sobre todo para os que a usan para traballar, que piden a Fomento que na AP-53 se fagan as mesmas bonificacións ca na AP-9, coa viaxe de volta gratuíta no día.
"O 95 % das persoas e empresas que a usamos imos e vimos no día, ás veces dúas veces no día no caso do transporte de persoas ou mercadorías, así que para nós sería perfecto ter as mesmas bonificacións ca a AP-9", di David Campos, presidente da Asociación de Empresarios do Deza.
O Congreso aprobou pedir esta medida ao Goberno, así que agora o Concello de Lalín e os axentes económicos da comarca queren facer unha fronte de presión conxunta para que os escoiten.
"No grupo está a Asociación de empresarios do Deza, transportistas de viaxeiros e mercadorías, meteremos taxistas e outros para facer o colectivo máis amplo posible e chegar a acordos por unanimidade se é posible. Non pedimos nada do outros mundo, pedimos algo razoable, que traten igual a AP-53 igual que a AP-9, nin máis nin menos", explica o alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias.
A integración de colectivos e a recollida de sinaturas son algunhas das accións coas que van pelexar por estas bonificacións, que terían un custo anual de 3.200.000 euros, segundo un estudo da Xunta.