O Concello de Ourense eliminará a prohibición de facer fotos nas termas
O Concello de Ourense eliminará a prohibición de facer fotos nas termas
As zonas termais públicas e gratuítas da Chavasqueira, Outariz ou Muíño da Veiga pasarán a ter a mesma regulación que calquera praia ou piscina pública
Ourense eliminará a prohibición de facer fotos nas zonas termais da cidade. Para iso, o Goberno municipal prepara un acordo de xunta de que poñerá fin a esta restrición, que desde fai uns 15 anos viña aplicando nas condicións de utilización destes espazos.
En diante, as zonas termais públicas e gratuítas da Chavasqueira, Outariz ou Muíño da Veiga pasarán a ter a mesma regulación que calquera praia ou piscina pública.
Así, as persoas que accedan ás zonas termais poderán tomar as imaxes que estimen oportuno, "o que non as exime do deber que teñen de respectar e cumprir coa normativa estatal vixente no relativo ao uso e difusión das imaxes que obteñan", precisa o consistorio.
O Goberno municipal entende que a prohibición vixente nas termas da cidade "non é procedente", xa que asegura que "con frecuencia ocasiona problemas e situacións de tensión e discusións entre os propios usuarios das instalacións, cando unhas persoas chaman a atención a outras por querer facer unha foto".
Así, estiman máis idóneo que os espazos termais teñan unha normativa equiparable á doutras zonas similares, como é o caso das praias ou o das piscinas públicas. Tamén advirten de que, con esta nova regulamentación, a normativa das termas de Ourense equipararase ás doutros espazos termais internacionais.