O concello de Parada de Sil protexerá cun valado o castiñeiro centenario de Entrambosríos
O concello de Parada de Sil protexerá cun valado o castiñeiro centenario de Entrambosríos
Os visitantes danan a codia da árbore cando sube ás polas para facer fotografías
As feridas no tronco poden supoñer entrada de fungos letais para o castiñeiro
O proxecto prevé tamén a musealización da contorna
É unha das principais atraccións naturais das fragas que cobren a Ribeira Sacra. Cunhas dimensións que impresionan: nove metros e medio de perímetro, dezaseis de alto e dezasete de ancho na copa.
Por iso son moitos os que queren inmortalizar a estancia subidos ás polas. Pero claro, ao rubir polo tronco rabuñan a codia, abrindo unha ferida que pode ser letal para a árbore.
Un cartel alerta xa os visitantes de que non se pode gabear polo tronco. Aínda así o concello vai instalar un peche para impedir que os visitantes se aproximen máis da conta.
A idea é darlle valor a toda a contorna en que se sitúa o castiñeiro, o souto que o rodea e a súa importancia na economía local.
A actuación contempla a limpeza do sequeiro situado ao seu carón, a eliminación de especies invasoras e a mellora dos soutos dos Ougueiros e Castro.