Melide, o concello máis doce, celebra a súa Festa do Melindre
Melide, o concello máis doce, celebra a súa Festa do Melindre
O melindre, o rico e o amendoado serán os protagonistas desta festa da repostería tradicional
Esta tarde comezan algunhas das actividades programadas, pero os actos máis importantes serán o sábado e o domingo
Falar de Melide é falar de doce, e máis en concreto dos tan apreciados melindres. E esta fin de semana serán os protagonistas, pois celebran a edición número 30 da súa festa. O programa preséntase moi variado, con actividades gastronómicas, debates e actuacións, entre outras, e por suposto moito melindre.
"É o produto estrela de Melide"
Din de Melide que é o concello máis doce de Galicia, pero iso a mellor maneira de comprobalo é coa Festa do Melindre que se celebra esta fin de semana e que este ano fai 30 edicións.
As súas rúas xa arrecenden a doce e non é para menos pois os reposteiros traballan arreo para ofrecer este producto tradicional. Como Ramón Varela, do Obradoiro Trisquel que estes días elaborará máis de 100 quilos de melindres para a fin de semana. "É un produto tradicional, moi coñecido aquí en Melide e nos arredores" define así ao melindre Ramón Varela, "é o produto estrela de Melide".
Leva dezaoito anos no sector e para el o segredo está na calidade dos ingredientes e no coidado durante as sete horas de traballo ata obter o produto final. "A calidade é fundamental: empregar unhas boas manteigas, o ovo tamén é un produto principal para estas elaboracións" resalta o reposteiro.
"Non o hai en ningunha outra parte"
Pero este non é o único manxar que se poderá degustar estes días, pois por algo Melide é coñecido por ser a terra do doce. Amais do melindre, que dá nome á festa, os ricos e os amendoados son doces moi apreciados. "O rico é exclusivo de Melide, non o hai en ningunha outra parte" indica Ramón Varela.
Os actos más importantes da Festa do Melindre serán o domingo, coa lectura do pregón da xornalista Cristina Pampín e o recoñecemento dos seis embaixadores do melindre deste ano, dos que Ramón é un deles.