Publicador de contidos
Publicador de contidos

O concerto fiscal catalán, un mal negocio para Galicia, por Maite Cancelo

OPINIÓN

O concerto fiscal catalán, un mal negocio para Galicia, por Maite Cancelo

Maite Cancelo 04/10/2024 08:12

Desde o anuncio da negociación para investir a Salvador Illa como President da Generalitat, que pasou polo establecemento dun “financiamento singular para Cataluña”, aínda que os economistas falamos dun concerto catalán ao vasco, sucedéronse numerosos debates e estudos que cuestionan a súa conveniencia e analizan o seu impacto sobre outros territorios. Onte, presentouse o elaborado polo Foro Económico de Galicia, e, máis concretamente, polos profesores da USC Santiago Lago e Xaquín Fernández Leiceaga, no que se fan varias simulacións, con base nos datos publicados para o ano 2022 e en función de tres escenarios sobre a translación do acordo entre Esquerra Republicana de Catalunya e o Partido Socialista Catalán ao resto dos territorios.

Sobre as repercusións deste acordo en termos económicos para o resto das comunidades autónomas, xa falamos noutras ocasións, pero este informe focalízase nas consecuencias para Galicia, cuantificando un impacto para un escenario extremo: un cambio total no sistema de financiamento, xeneralizado a toda España e sen solidariedade interterritorial (o cal, en principio, descartou o goberno de España, aínda que sen clarificar como e quen pagaría esa solidariedade).

O informe lanza uns datos demoledores, en función do noso peso en PIB, e, como sinalamos, no escenario de sen solidariedade, Galicia perdería 2.128 millóns de euros, pasando do 104 % da media actual ao 82 % co novo sistema. Dato que empeora se se analiza o impacto en termos poboacionais, xa que se perderían 2.647 millóns de euros no financiamento da nosa comunidade autónoma, o que supoñen 27 puntos porcentuais menos.

Nunha segunda parte do informe prevese a posibilidade de que a cota só se aplique a Cataluña, pero sen incorporar a solidariedade territorial, no que Galicia reduciría os seus ingresos en 634 millóns de euros (-6,3 %).

E se, finalmente, se inclúe un compoñente de solidariedade no caso da aprobación da cota catalá, as perdas serían de 475, 317 ou 159 millóns, en función das achegas de Cataluña ao sistema.

Datos parecidos foron publicados pola Conselleria de Facenda, que estima o custo da saída de Cataluña do réxime común de financiamento en 628 millóns de euros ao ano. Todas estas estimacións xa están referidas aos datos coñecidos do ano 2022.

Pero os efectos negativos non acaban nas cuestións monetarias, xa que o control de fraude quedaría diluído en varias administracións, o Estado perdería capacidade de reacción ante crises económicas e, como tamén comentamos noutras ocasións e se recolle noutros estudos, veríase afectada a redistribución territorial e o feito de que a cota vasca xa é unha anomalía e un elemento de insolidariedade (aínda que recollido na Constitución Española por cuestións que ben coñecemos) e que non se produce noutros países europeos.

Por tanto, un novo estudo, que profunda o presentado polo propio Foro en xuño de 2024 ante o Congreso dos Deputados, do que é autora a colaboradora da RTVG María Cadaval e que avala os resultados doutros estudos, como os de FEDEA, encabezados por outro dos grandes expertos en financiamento autonómico, Ángel de la Fuente.

Os expertos alertan dos efectos negativos dun cambio no sistema de financiamento autonómico, pero tamén de competencia fiscal, se se cede o imposto sobre sociedades, de menor capacidade de control da fraude e, por suposto, da perda de solidariedade, base do noso sistema actual, que sería un moi mal negocio para Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade