Publicador de contidos
Publicador de contidos

O conselleiro de Emprego critica que a reforma do subsidio do paro se fixese "sen consenso"

O conselleiro de Emprego critica que a reforma do subsidio do paro se fixese "sen consenso"

José González considera que "non son boas formas de empezar unha reforma", da que se desmarcou a patronal CEOE

Ve "moita marxe de crecemento do emprego industrial" e avoga por "un grande acordo" que permita a implantación de novas empresas no sector

Cre que os principais retos do mercado laboral son abordar a "escaseza de emprego nalgúns sectores" e a "remuda xeracional" no comercio polo miúdo

G24.gal 10/05/2024 11:03 Última actualización 10/05/2024 11:11

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, considera que a reforma do subsidio por desemprego "non debe facerse sen o consenso de todos os axentes sociais". Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

A reforma do subsidio do paro foi pactada polo Ministerio de Traballo e os sindicatos UXT e CCOO, da que se desmarcou a patronal CEOE. O novo subsidio eleva a súa contía ao pasar dos actuais 480 euros a 570 durante os primeiros seis meses dos 30 que se pode cobrar como máximo. Ademais, amplía o colectivo de beneficiarios, xa que aos maiores de 52 anos e aos menores de 45 con cargas familiares sumaranse aqueles que non as teñan, así como os traballadores eventuais agrarios, os emigrantes retornados ou as vítimas de violencia de xénero ou sexual a partir dos 16 anos.

O conselleiro de Emprego sinala que "estamos falando dunha medida da que non temos o seu custo económico. Temos que entender que compatibilizar a priori pode ser positivo pero, en todo caso, deberiamos contra co consenso de todos aqueles que están implicados e tamén outra cuestión é que agardemos que este tema non se traduza despois nunha maior dificultade de inserción. Non pode ser este tipo de subsidios un fin en si mesmo. Estamos falando de cuestións que teñen bastante transcendencia económica e que ademais poden determinar algún tipo de fraude, polo que estamos lendo. A medida vaise implantar case de inmediato e, non obstante, os controis tardarían máis dun ano en producirse. Eu creo que esas non son boas formas de empezar unha reforma".

Os retos do mercado de traballo en Galicia

Sobre os retos do mercado laboral nos próximos anos en Galicia, José González di que o principal é "ser capaces de atender á escaseza de emprego nalgúns sectores moi importantes para a nosa economía. Creo que o que temos que ser é tamén capaces de xuntar a oferta laboral coa demanda. Hai que traballar moito na formación e ser capaces de darlles aos traballadores esas habilidades que están demandando as empresas. Dentro deses datos que comentabamos antes, creo que hai que seguir nesa liña de lograr emprego de calidade".

Considera que "hai que traballar para conseguir ese emprego para a xente que está aquí e tamén atraer talento (...), traer estes galegos que están no exterior buscándolles un posto de traballo aquí. Teño que dicir que é un reto especialmente simbólico e especialmente importante para min e estamos nestes momentos falando coas diferentes empresas de diferentes sectores onde hai esa demanda de emprego, e imos tratar de axustar o máximo posible as características do posto de traballo. Hai, na medida do posible, que seleccionar nos países de orixe eses traballadores que mellor se adecúen e darlles tamén unha posibilidade aquí de que teñan cubertas a maior parte das súas necesidades, como o colexio dos fillos, a sanidade, a propia vivenda... Nesa liña estamos traballando". 

Sobre o emprego industrial, José González cre que "hai moita marxe de crecemento do emprego industrial se todos entendemos que unha industria que cumpra os requirimentos medioambientais é bo que veña para Galicia. Refírome a algún proxecto que está por aí sendo criticado e eu creo que determina que algunha forza política entre en contradición porque se todos estamos de acordo en que hai que progresar desde o punto de vista industrial e traemos empresas sostibles e que cumpran os requirimentos, todos deberiamos estar aliñados na liña que propuxo o presidente [da Xunta]: a necesidade de ter un grande acordo en materia industrial, entendendo que é relevante para Galicia".

De cara á próxima reforma para reducir a xornada laboral, sinala que "a lexislación laboral xa permite traballar menos de 40 horas á semana. En todo caso, hai que ir pola vía do diálogo e o consenso e todo aquilo que se poida facer respectando a competitividade das empresas e, ao mesmo tamén, conciliando ou permitindo a conciliación dos traballadores, en principio, nós non o vemos mal. Pero repito que non afecte á produtividade, que haxa consenso e diálogo e, sobre todo, que sexan medidas reflexionadas".

Sobre a situación dos autónomos en Galicia, o conselleiro de Emprego indica que "son máis do 90 % dos 24.000 comerciantes que temos en Galicia. Galicia ten unha cifra de traballadores autónomos moi alta, practicamente un 20 % de todos os que están inscritos. Para min, como declaración de principios, os autónomos xogan un papel fundamental na actividade económica, sobre todo, eses autónomos pequenos ou que non teñen ou teñen moi poucos traballadores por conta allea, son a esencia da configuración do noso sector ou da nosa economía".

Neste senso, José González afirma que "a min paréceme especialmente interesante reforzar o emprendemento. Temos aí a pataca quente, que é a remuda xeracional no comercio polo miúdo, un sector moi avellentado e temos que trasladar ese obxectivo de poder renovar con xente nova. Polo tanto, o traballo autónomo xa é moi importante en Galicia e vai ser unha das liñas fundamentais da nosa proposta esta lexislatura, apoialo, e sobre todo, tratar de conseguir nun sector onde hai moito autónomo a remuda xeracional".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade