Publicador de contidos
Publicador de contidos

Soares de Pina, conselleiro delegado de Altri: "O proxecto de Palas de Rei será referencia mundial en sostibilidade"

Soares de Pina, conselleiro delegado de Altri: "O proxecto de Palas de Rei será referencia mundial en sostibilidade"

José Soares de Pina apela a estudos realizados e di que a auga que se botará ao río "estará bastante por debaixo" dos 27 graos

Sinala que as emisións no futuro complexo de Palas "non son comparables" ás de Ence en Pontevedra

O conselleiro delegado da empresa deixa aberta a porta a cambios no proxecto tras a análise das alegacións e manexa o "último trimestre" de 2024 para a autorización ambiental

G24.gal 27/05/2024 10:23

O conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina, considera que "se está xerando moita desinformación" en relación ao proxecto industrial da multinacional portuguesa en Palas de Rei. Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

José Soares de Pina di que "se lanzaron ideas que están creando alarma pero o noso papel é dar moita información con transparencia e tranquilidade e esa é a vía para que a sociedade comprenda que estamos ante un proxecto que será referencia mundial en sostibilidade. Hai sempre ideas distintas en todos os proxectos e ese non é moi diferente, pero si que é importante a información con datos reais e con transparencia e tranquilidade".

O conselleiro delegado de Altri afirma que "hai bastantes desinformacións, por exemplo, cando se fala do consumo de auga, que ao final non é consumo é utilización, co cal non se vai alterar o caudal hidráulico do río ou mesmo coa calidade da auga que se vai verter ao río, que ademais cumpre con exceso, con moito exceso nalgúns casos o que é a normativa ambiental. A normativa galega é bastante máis esixente que a española, que ademais é máis esixente que a europea, co cal o que se di que se vai contaminar e que se vai crear unha afectación moi difícil, isto non ten unha base na realidade dos datos nin o que son todos os estudos técnicos".

Sobre as denuncias de varios colectivos ambientalistas de que Altri botará no río auga a 27 graos de temperatura, José Soares de Pina explica que "a normativa o que di é que non se pode alterar a temperatura do medio natural por riba ou por debaixo de tres graos. A auga que vai volver ao medio está mesmo bastante por debaixo de alterar a temperatura incluso dentro do que di a normativa, co cal non vai afectar o medio natural nin o medio hídrico".

Subliña que "durante o ano a temperatura do río altérase desde o inverno ata o verán e todos os estudos que fixemos e que demostramos para a licenza ambiental están bastante por debaixo disto".

Sobre as alegacións presentadas, comenta que son "menos de 25.000, pero é habitual nun proxecto con esta envergadura que teña un volume grande de alegacións. Xa contabamos con iso. Se as agrupamos por modelos e temáticas, non son tantas. En todo caso, a nosa vontade é dar resposta a todas e cada unha delas con máximo rigor co obxectivo de expresar calquera dúbida que poida haber arredor do proxecto. Temos incluso alegacións onde hai persoas que asinaron tres e máis alegacións, co cal hai un proceso de selección que se está facendo co máximo rigor e co mínimo de tempo posible".

En relación á posibilidade de que haxa algún cambio no proxecto que teñen para adaptarse a esas alegacións, o conselleiro delegado de Altri indica que "é difícil contestar sen ter coñecemento de todas as alegacións e sen estudalas en profundidade. En todo caso, un proxecto deste tipo nunca está completamente pechado e aínda que podo asegurar que foi deseñado co máximo rigor, coa tecnoloxía máis avanzada que existe na actualidade e seguindo os mellores criterios de sostibilidade e respecto ao medio ambiente, eficiencia enerxética, etcétera... pero seguro que aínda queda algún punto que se pode mellorar e iso ímolo estudar".

Sobre as denuncias de distintos colectivos que advirten de que as emisións contaminantes de Altri serían superiores ás da planta de Ence en Pontevedra, Soares de Pina asegura que "non son comparables. Son procesos, tecnoloxías, capacidades de produción distintas, pero se fai este tipo de comparacións para xerar confusión".

"No proxecto, cada tonelada de produción de lyocell estará tendo unha pegada de 0,1 toneladas de CO2. Co cal estamos falando de 6.500 para unha produción 600.000 toneladas. Isto vén da sinerxía da integración. Se un fai unha comparación co que son outras fibras que algúns poden pensar que quizais son máis naturais ou son menos impactantes, o lyocell ten 50 veces menos emisións de CO2 que o algodón e máis de 120 menos que o poliéster. Isto da unha comparación que o lyocell é unha fibra que ademais ten un perfil de moito menor impacto (...), pero se se fala de auga, a produción de lyocell ten ata 2.000 veces menos de consumo de auga que ten, por exemplo, o algodón", afirma o conselleiro delegado de Altri.

José Soares de Pina sinala que a autorización ambiental "non depende de nós, pero o noso horizonte está posto no último trimestre deste ano".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade