O Constitucional limita a obxección de conciencia da eutanasia ao persoal sanitario
O Constitucional limita a obxección de conciencia da eutanasia ao persoal sanitario
O Tribunal rexeita o recurso do PP, como xa fixera antes co de Vox
O Pleno do Tribunal Constitucional rexeita o recurso do PP contra a lei de eutanasia, como xa fixo previamente co de Vox, deixando claro que a obxección de conciencia está limitada só aos profesionais sanitarios, sen estendela a persoas xurídicas, como pretendían os populares.
A resolución aplica a doutrina recollida na sentenza que rexeitou o recurso de Vox o pasado marzo, pero acouta a cuestión da obxección de conciencia que non abordou o recurso instado polo partido que lidera Santiago Abascal.
A sentenza sostén que "as únicas actuacións susceptibles de ser exoneradas do deber legal de garantir o dereito de prestación de axuda para morrer", nos termos en que foi configurada pola lei, por estar amparadas na obxección de conciencia, "son as intervencións dos profesionais sanitarios, calquera que sexa a súa categoría profesional". "É só respecto de tales intervencións cando debe constatarse que poden darse situacións de conflito por conviccións íntimas, ideolóxicas ou morais, que xustifican o apartamento do profesional sanitario ante unha intervención que constitúe, con carácter xeral, un imperativo legal", engade o tribunal.
E por iso precisa que "máis aló destes casos excepcionais, estender a obxección de conciencia a un ámbito institucional como pretenden os recorrentes, non só carecería de fundamento constitucional, senón que poñería en risco a efectividade da propia prestación sanitaria".