O cruceiro máis novo do mundo fai escala na Coruña e Vigo
O cruceiro máis novo do mundo fai escala na Coruña e Vigo
O Carnival Celebration conta cunha montaña rusa flotante e unha oferta de ocio única
Ten 344 metros de eslora e capacidade para 6.500 pasaxeiros
Recala en Galicia na súa viaxe inaugural rumbo a Miami
Despois de dous días de navegación desde Inglaterra chegaba este martes á Coruña o Carnival Celebration. É a primeira viaxe que fai o buque, de máis de 300 metros de eslora, e en que viaxan milleiros de turistas camiño do Caribe.
"Á xente encántalle España e pensamos que Galicia sería un lugar moi bo para facer a primeira escala da nosa viaxe inaugural", explica o capitán Vicenzo Alcaraz.
Unha montaña rusa flotante de 250 metros de lonxitude rodea o parque acuático da cuberta, sen que falten tampouco tendas, restaurantes e teatros para animar a navegación. Propulsada por gas natural licuado, esa cidade flotante promete diversión para toda a familia.
"Este barco destaca por facer menos emisións contaminantes á atmosfera e por ter unha oferta de entretemento moi novidosa coa montaña rusa e os tobogáns", comenta o crítico de cruceiros Félix González.
O barco, fabricado en Finlandia cun custo de máis de mil millóns de euros, recala na Coruña na súa viaxe inaugural confirmando o tirón da cidade herculina no turismo de cruceiros.
"Este ano superamos por vez primeira os 200.000 cruceiristas. É unha tendencia crecente que consolida o porto da Coruña como o primeiro galego e do norte de España neste tipo de escalas e pensamos que é moi bo para a cidade polo retorno económico que supón".
Esta tarde partirá cara ao porto de Vigo, onde fará unha segunda escala antes de cruzar o Atlántico para establecer a súa base en Miami.