O Cunqueiro prepara un protocolo para atender as vítimas de submisión química
O Cunqueiro prepara un protocolo para atender as vítimas de submisión química
En Galicia non hai denuncias formais, pero os médicos de urxencias atopan casos sospeitosos
Os servizos de emerxencias do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo preparan un protocolo para o recoñecemento e atención ás vítimas de submisión química.
Polo de agora non hai denuncias formais a nosa comunidade sobre este tipo de delitos. Pero os médicos están a atopar sospeitas de intoxicacións etílicas, farmacolóxicas ou por estupefacientes co obxectivo de someter a vontade doutra persoa, sobre todo mulleres, e con fins diversos, desde a agresión sexual ao roubo.
Neste senso, o Instituto de Medicina Legal de Ourense xa publicou unha guía de actuación.
A última denuncia, en Asturias
No resto de España seguen aumentando as denuncias de mozas que reciben unha picada dunha agulla en festivais ou discotecas. Xa van 18 casos en Cataluña, 12 en Euskadi e o último en Asturias. O que recomenda a policía nestes casos é avisar inmediatamente as persoas que temos ao lado e ir a un centro médico.
Pode ocorrer nun concerto, en festivais, nunha discoteca ou nas festas da vila. Se notamos unha picada no corpo pode que sexamos vítimas dun intento de submisión química.
É dicir, que alguén nos pique unha substancia para deixarnos inconsciente en poucos minutos, totalmente á vontade dos demais e que despois non gardemos na memoria nada do que nos ocorreu.
En Cataluña denunciáronse 18 casos, 12 en Euskadi e en Asturias investigan o primeiro caso sufrido por unha menor en Xixón.
A maioría das veces non se sabe que substancias químicas se están utilizando. Só que se dilúen no sangue rapidamente sen deixar pegada.
No caso da rapaza asturiana, as análises atoparon restos de éxtase no seu corpo. O primeiro síntoma é notar unha picada en pernas ou brazos e inmediatamente despois sentir mareos e somnolencia.
O efecto da droga é tan rápido que se debe pedir axuda inmediatamente a unha persoa próxima para que avise unha ambulancia e nos leven a un centro médico.