Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen un cura por agredir sexualmente varias mulleres ás que sedaba e gravaba

Deteñen un cura por agredir sexualmente varias mulleres ás que sedaba e gravaba

Unha muller, que asegurou ser parella sentimental do detido, denunciou que localizara no domicilio que compartían un disco duro con fotografías e vídeos

Os investigadores comprobaron que nas imaxes aparecían varias mulleres durmidas ou baixo os efectos dalgún sedante 

EFE 25/09/2023 11:04

A Policía Nacional detivo un sacerdote de 34 anos na localidade malagueña de Vélez-Málaga acusado de agredir sexualmente polo menos catro mulleres ás que sedaba e gravaba.

Fontes da investigación indicaron a EFE que o detido, que foi ordenado sacerdote en 2017, foi párroco nunha igrexa de Melilla e a comezos de ano foi destinado á Diocese de Málaga, está xa en prisión provisional acusado de catro agresións sexuais e cinco delitos contra a intimidade.

Nun comunicado, a Dirección Xeral da Policía Nacional sinala que a investigación iniciouse en agosto, cando unha muller, que asegurou ser parella sentimental do detido, denunciou na Unidade de Familia e Atención á Muller (UFAM) de Melilla que localizara no domicilio que compartían un disco duro con fotografías e vídeos.

Neles aparecían varias mulleres semiespidas, durmidas ou baixo os efectos dalgún sedante e ás que un home lles realizaba todo tipo de prácticas sexuais.

Tras a análise do material deste disco duro, os investigadores da UFAM central lograron identificar cinco vítimas, que manifestaron descoñecer a existencia das gravacións e que non eran conscientes de ser vítimas de ningún delito de natureza sexual.

Os axentes pescudaron que as agresións sexuais se levaron a cabo de forma continuada en diferentes anos e localidades, con ocasión de viaxes de grupos de amigos, entre os que se atopaba o arrestado.

Este fornecería ás vítimas algún tipo de substancia que anulaba o seu estado de consciencia para perpetrar as agresións sexuais.

Os axentes non descartan que haxa máis vítimas en Melilla, Málaga e Córdoba, lugares en que o arrestado residiu, polo que seguen analizando o material que comisaron no seu actual domicilio de Vélez-Málaga tras a detención.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade