O decreto que reduce á metade a tramitación da dependencia aprobarase "en semanas"
O decreto que reduce á metade a tramitación da dependencia aprobarase "en semanas"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores que nas "próximas semanas" van aprobar o novo decreto da dependencia que reducirá á metade o prazo de tramitación das solicitudes. O xefe do Goberno galego dixo que o obxectivo deste decreto é eliminar papelame e axilizar o tempo para que as persoas dependentes reciban a prestación.
Galicia vai cambiar o procedemento para as avaliacións de dependencia e a correspondente prestación. Ata agora os solicitantes tiñan que presentar unha ducia de documentos, que co novo decreto pasarán a dous: un informe médico e un informe social.
A outra novidade é que se vai tramitar ao mesmo tempo a avaliación e o programa individual de atención, que son os servizos que recibe cada dependente. Ese programa incluirá unha prestación económica. A Xunta destaca que con este decreto redúcense á metade os prazos de espera.
“Este novo decreto forma parte do plan de choque da dependencia que ten en marcha o Goberno galego e os obxectivos son reducir o papelame que hai que facer para acceder ás prestacións, eliminar duplicidades e acelerar o tempo que ten que pasar ata que se dispoña dunha prestación", explicou Rueda.
O Goberno galego vai enviar agora o decreto ao Consello Consultivo e prevé aprobalo nas próximas semanas.