Catro autonomías recibirán do Goberno máis da metade dos 346 millóns para reforzo educativo
Catro autonomías recibirán do Goberno máis da metade dos 346 millóns para reforzo educativo
Na repartición aprobada este martes polo Consello de Ministros, Galicia recibirá o 5,9 % deses fondos
O Executivo tamén aproba 783 millóns de euros para dependencia e a reforma do Estatuto dos Traballadores sobre as incapacidades permanentes
Catro autonomías —Andalucía, Cataluña, Madrid e a Comunidade Valenciana— recibirán máis da metade dos 346 millóns de euros aprobados este martes polo Goberno para mellora da competencia matemática e lectora, apoio ao alumnado con máis dificultades, programación e robótica, educación inclusiva e libros de texto.
Como informou a portavoz do Executivo e ministra de Educación Pilar Alegría na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, preto de 95 millóns de euros da cantidade total corresponden aos plans de mellora da competencia matemática e lectora, que comezarán a despregarse o próximo curso en centros cunha alta porcentaxe de alumnado con dificultades nestas competencias.
A Andalucía correspóndenlle 74,1 millóns (o 21,4 % do total); a Cataluña, 44,5 millóns (12,9 %); a Madrid, 39,0 millóns (11,3 %), e á Comunidade Valenciana, 38,7 (11,2 %).
Castela-A Mancha recibirá o 6,1 %, Galicia o 5,9 %, Canarias o 5,5 %, Castela e León o 5,2 %, Murcia o 5,0 %, Estremadura o 3,4 %, Baleares e Aragón cada unha o 3,2 %, Asturias o 2,3 %, Cantabria o 2,0 e A Rioxa o 1,4 % (as comunidades forais non están incluídas nesta repartición).
Estas porcentaxes son similares nos diversos programas con algunhas condicións, como ocorre no de formación en programación, robótica e pensamento computacional (Código Escola 4.0), en que Cataluña eleva a súa participación ao 17,1 % do total e Madrid ao 14,0 %.
No programa de Educación Inclusiva soben Galicia ata o 10,5 % ou Canarias ata o 7,2 %, e no de financiamento de libros de texto Andalucía dispárase ao 28,63 % do total nacional.
Tamén para as comunidades autónomas, o Goberno aprobou unha partida de 783 millóns de euros para políticas de dependencia destinadas a "máis dun millón e medio de persoas, 300.000 máis que en 2021", cifrou a ministra voceira do Executivo.
Desa partida, a Galicia corresponderánlle case 50 millóns de euros, o 6,3 % do total.
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz anunciou 3.300 novas especializacións ao abeiro dun Plan de Formación Permanente en que terán preferencia as persoas maiores de 45 anos, as mulleres e as vítimas de violencia machista.
Tamén en materia laboral, Díaz avanzou a modificación do artigo 49 do Estatuto dos Traballadores en materia de incapacidades permanentes.