Publicador de contidos
Publicador de contidos

A deterioración dun cruceiro recentemente restaurado pon en perigo a capela de San Mauro, en Pontevedra

A deterioración dun cruceiro recentemente restaurado pon en perigo a capela de San Mauro, en Pontevedra

Hai seis meses que o repuxeron, nun espazo diferente, e sen barreiras de protección contra os golpes dos coches

G24.gal 17/01/2024 13:52

O cruceiro de San Amaro, na parroquia pontevedresa de Mourente, está a ser un auténtico crebadoiro de cabeza para os veciños. No 2010 foi retirado tras ser batido por un coche, e ata hai cinco meses non volveu ás portas da capela.

Os veciños pensaban que a súa loita rematara hai cinco meses, cando o cruceiro volveu á capela de San Amaro máis de trece anos despois de ser retirado para restauralo. Pero non foi así. Cambiáronlle a localización, deixárono sen ningún tipo de protección e xa corre o risco de caer de novo.

Ao fronte da loita está Eulogio Sartier, que é o presidente da asociación de veciños Moldes-Mourente. "Aínda non fai seis meses que se colocou e xa se moveu o pedestal de abaixo e arriba da cruz está rachada. Nós o que pedimos por activa e por pasiva unha solución a isto. Ou que se traslade ao mesmo sitio onde estaba ou que se protexa cuns pivotes", di.

O cruceiro estaba situado orixinalmente no adro da igrexa. Foi trasladado sobre o ano 1973, e dende entón sufriu numerosos danos por mor dos golpes de coches e camións. Foi no 2010 cando o retiraron tras varios impactos que danaron a cruz e a parte superior. 

Despois de anos loitando por recuperar o cruceiro, os veciños atopáronse con que fora colocado fóra da súa localización anterior e sen protección ningunha. Denuncian que cinco meses despois xa corre o risco de caer polos numerosos golpes dos coches que pasan e aparcan á súa beira.

"Porque realmente é un perigo porque un coche, xa non que o tire abaixo, mesmo co que pesa, pode caer enriba do coche ou esmagar unha persoa, ou pasa un viandante, que por aquí pasa moita xente, e pode magoalo", quéixase Eulogio.

Cando repuxeron o cruceiro colocaron un valado de pedra que alguén esnaquizou ao pouco tempo. As pedras seguen amoreadas dende entón, ao carón da capela de San Amaro, aquela onde en tempos levaban os meniños que tardaban en camiñar e prendían farois para pedir polos enfermos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade