Publicador de contidos
Publicador de contidos

O diésel renovable inicia a súa expansión en Galicia

O diésel renovable inicia a súa expansión en Galicia

Xa se vende en dúas estacións de servizo, e aumentarán a dez neste ano

É un biocombustible elaborado con residuos orgánicos e considerado de cero emisións netas

A de Coirós foi a primeira área de servizo en comercializar diésel renovable en Galicia
G24.gal 02/02/2024 14:50

Os coches do futuro teñen que ser necesariamente menos contaminantes para cumprir co obxectivo de emisións cero en 2050. Antes, en 2035, xa non se poderán vender coches con motores de combustión na Unión Europea.

De momento, unha das estratexias para reducir a pegada de carbono pasa polos biocombustibles: o diésel renovable xa é unha realidade en Galicia. "É o mesmo diésel que temos en todas as estacións de servizo, pero producido con outras materias primas que son renovables", explica Estíbaliz Pombo, xerente de produtos de mobilidade en Repsol.

Fabrícano con aceite de cociña usado, restos vexetais e outros residuos orgánicos. É quimicamente igual ao gasóleo, así que pode usarse en calquera motor diésel sen facer cambios.

Iso si, de momento vai máis caro que os carburantes convencionais: véndese ao prezo do diésel premium. "Non só hai que mirar o prezo da enerxía -di Estíbaliz Pombo- senón ver todos os conceptos que se inclúen nunha renovación de frota, como que custa un vehículo se teño que cambialo a outra enerxía".

Aínda non ten distintivo ECO, porque alimenta motores de combustión, pero este diésel renovable considérase de cero emisións netas ao darlle unha segunda vida a residuos xa existentes. Para Belén Fuentes, enxeñeira química de Segula Technologies, ten un potencial enorme para a descarbonización. 

"O primeiro paso para a descarbonización é conseguir converter os nosos residuos en algo útil", afirma. É unha ferramenta máis inmediata,"antes de irse a novas tecnoloxías como novos combustibles sintéticos, e sen necesidade de pasar todo a vehículos eléctricos, que é un horizonte máis afastado".

Os biocombustibles xa están no mercado, e están en expansión. Este ano aumentarán a dez as estacións de servizo galegas con diésel renovable, e a 600 en todo o Estado. Está en probas a gasolina, pero de momento non ten data de chegada a Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade