O Tribunal Supremo confirma a absolución do acusado do dobre crime do Ceao

O caso vai camiño de ser arquivado definitivamente

A acusación particular podería recorrer a sentenza ante o Tribunal Constitucional

Félix Aragunde 17/11/2023 14:02 Última actualización 17/11/2023 14:24

Tres décadas despois de morreren asasinados Esteban Carballedo e Elena López no atraco ao Cash Record do Ceao, en Lugo, o caso vai camiño de pecharse definitivamente sen chegar a resolverse.

Ata febreiro deste mesmo ano non foi xulgado o único sospeitoso, Manuel Juan Vilariño, que saíu absolto. Contra a sentenza da Audiencia Provincial lucense, a acusación particular presentou un recurso de casación, que o Tribunal Supremo acaba de rexeitar por falta de probas directas.

O auto de inadmisión di que a Audiencia "deu cumprimento ao seu deber de motivación" e, ao tempo, "deu satisfacción, paralelamente, ao dereito á tutela xudicial efectiva que asiste ás partes".

Di o Supremo que a Audiencia valorou "con rigor" as probas de que dispuxo, "fundamentalmente a proba testemuñal". Ademais, razoa que, dos datos achegados polas testemuñas, "non pode chegarse a unha conclusión plena sobre a identidade do agresor e, en concreto, sobre a presenza do acusado no momento e lugar dos feitos".

"A Audiencia, en fin, ten unha dúbida razoable e fundada respecto á autoría dos feitos e dita, como non podía ser doutra maneira, sentenza absolutoria", resolve o Tribunal Supremo.

Así e todo, podería caber un recurso ante o Tribunal Constitucional.

"Cabe incluso, con posterioridade, un recurso ante o TEDH, pero é un camiño procesual que estamos valorando aínda. Tamén existen outras vías, que son de reclamación patrimonial á Administración de Xustiza e ao Estado", explica Gerardo Pardo de Vera, da acusación particular.

De ser definitivo o carpetazo ditaminado polo Supremo, o dobre asasinato quedaría, deste xeito, impune, tras case 30 anos de loita xudicial. Por se fose pouco, as familias das vítimas poderían ter que pagar as custas do proceso.

"Parece un sarcasmo xudicial, despois de sufriren toda esta chapuza a cargo dos estamentos policiais e xudiciais en xeral. Choca que, por riba, exista ese pronunciamento, que é o colofón a un cúmulo de despropósitos", di o avogado.

Perpetrado en 1994, o dobre crime do Ceao está considerado o proceso penal aberto máis antigo en todo o ámbito do estado español.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade