A cuarta vaga de calor chega este domingo, con temperaturas extremas ata o martes
A cuarta vaga de calor chega este domingo, con temperaturas extremas ata o martes
Meteoroloxía advirte dun novo episodio este verán de tres días con máximas que poderán superar os 40ºC
Causará aumentos de máis de 10 graos, sobre todo no norte peninsular
A calor intensa volve a golpear en case toda España a partir desta fin de semana. A Axencia estatal de Meteoroloxía, a AEMET, prevé que a cuarta vaga de calor do verán se produza desde o domingo ata o martes.
Deixará temperaturas de máis de 40 ºC, sobre todo no nordeste e no suroeste da Península Ibérica e nas concas dos grandes ríos, así como noites tropicais.
O episodio, avisa a AEMET,debido a unha forte insolación sobre unha masa de aire cálido, podería finalizar o mércores, cando aínda hai unha elevada incerteza pero son posibles os chuvascos e tormentas no interior peninsular, fenómenos que provocarían un descenso das temperaturas.
A Galicia regresa o bo tempo o domingo coa entrada do anticiclón.
O ascenso progresivo das temperaturas xa comezou este sábado e o domingo continuarán a súa escalada en amplas zonas da Península salvo no sueste, o litoral mediterráneo andaluz e o Cantábrico, onde descenderán.
O domingo é probable que se alcancen os 38-40 ºC no medio Ebro, depresións do nordeste, sur dos Pireneos, extremo nororiental de Cataluña, val do Guadalquivir e oeste de Andalucía, así como en puntos do val do Guadiana e en zonas baixas do centro peninsular; mentres que no interior peninsular roldarán os 36-38 ºC.
Os días máis calorosos, anticipou a Aemet, serán o luns e o martes, cando previsiblemente se superarán os 40 ºC en amplas áreas dos cuadrantes suroccidental e nororiental peninsulares, e os 36-38 ºC no interior, Mallorca e o sur de Galicia.
As mínimas poderán estar por riba de 20 ºC, e mesmo superar os 23-25 ºC, en puntos da metade sur peninsular, zona centro e val do Ebro. A partir do mércores é probable que se inestabilice a atmosfera, con chuvascos e tormentas en áreas do interior peninsular, que poderían rebaixar as temperaturas, aínda que se espera que sigan sendo moi elevadas.
Aínda o mércores, o último día do episodio, poderían alcanzarse os 38-40 ºC no medio Ebro e depresións do nordeste, así como nos vales fluviais do cuadrante suroccidental.
A partir do xoves, as temperaturas tenderán a caer de maneira xeneralizada e de forma máis intensa na metade norte, poñendo fin á onda de calor.