Ferrol enche as rúas no comezo das procesións da Semana Santa
Ferrol enche as rúas no comezo das procesións da Semana Santa
As dúas primeiras, a das Angustias e a das Dores, organizaron os dous primeiros desfiles no Domingo de Ramos
23 procesións, declaradas de Interese Turístico Internacional, sairán ás rúas ferrolás ata o Domingo de Resurrección
Ás portas do santuario das Angustias, os fieis agardaban con impaciencia o momento que marca o inicio da Semana Santa de Ferrol. Tras a tradicional beizón dos ramos de oliveira, o paso de Xesús Amigo dos Nenos deixou atrás o templo para percorrer o barrio de Esteiro. Foi a primeira das vinte e tres procesións que sairán ás rúas ferrolás ata o próximo domingo, o da Resurrección.
A praza de Amboaxe volveu ser o escenario dunha das imaxes máis coloridas e multitudinarias da Semana Santa. A beizón dos ramos e das palmas deu paso á procesión da burriquiña, que organiza a confraría das Dores. O desfile do Ecce Homo completa o programa de procesións da xornada inaugural dunha celebración que o ano pasado atraeu ao redor de 350.000 visitantes. Os hoteis non deixan de recibir solicitudes de reservas e agardan estar completos os días grandes.