O enoturismo enche de visitantes a Ribeira Sacra
O enoturismo enche de visitantes a Ribeira Sacra
O mal tempo non foi un grande impedimento para os turistas da Ribeira Sacra, que rexistra uns datos de ocupación semellantes aos do ano pasado
Unha das ofertas con máis demanda é o denominado Enoturismo, con visita aos bancais
Un inesperado sol radiante recibe os turistas da Ribeira Sacra. No val entre Castro Caldelas e a Teixeira, os visitantes achéganse ao concepto da viticultura heroica.
"Miña nai! Non sei se empregan maquinaria. Eu quedei alucinado totalmente", comenta un turista madrileño.
As cepas parecen espidas, pero se miramos con atención, vemos os primeiros brotes da primavera. A visita ás vides é tamén unha aproximación á paisaxe característica da Ribeira Sacra, definida polos canóns, cos seus ríos, bancais e soutos de castiñeiros.
"Encantoume. É unha zona preciosa, que me recordou moito a miña terra, a dos Dolomitas". "Chámame a atención o que hai que traballar nesta zona", sinalan dous visitantes.
A experiencia enoturística tamén inclúe a visita ás adegas e a degustación dos seus caldos, con catas e maridaxes con produtos locais.
Alicia Bayón, encargada de enoturismo da adega Ponte da Boga: "O que buscan é unha maneira diferente de probar os viños, non só chegar, ver a cor, cheirar... Así, con produtos locais, é máis ameno".
É unha das experiencias máis demandadas da Semana Santa en que a Ribeira Sacra rexistra uns datos de ocupación media do 85 %, lixeiramente inferior á de 2023, pendentes, iso si, de actualizar coas reservas e anulacións de última hora.