Publicador de contidos
Publicador de contidos

O envorco dun camión na A-52 en Barbadás obrigou a cortar un carril

O envorco dun camión na A-52 en Barbadás obrigou a cortar un carril

Un guindastre tivo que retirar o camión, que ía cheo de pitos vivos

G24.gal 13/04/2023 11:05

O envorco este xoves dun camión que transportaba animais na A-52, ao seu paso por Barbadás, Ourense, obrigou, para retirar o vehículo, a cortar temporalmente o tráfico no carril en sentido Vigo e a dar paso alterno polo de dirección a Benavente, aínda que xa está restablecida a circulación, informou a Garda Civil.

Os Bombeiros de San Cibrao liberaron o condutor ferido, que quedou atrapado no interior do camión, cargado de pitos vivos que transportaba de Xinzo de Limia a Pontevedra.

Debido ao impacto, o vehículo perdeu combustible e provocou o corte da vía mentres os servizos de emerxencias desprazados no momento traballaban para evacuar o ferido e restablecer as condicións de seguridade na vía. 

O accidente produciuse de madrugada

Foi unha persoa particular a que chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda para o camioneiro. Indicou nesa comunicación que o vehículo cargado de aves envorcara e o condutor presentaba dificultades para saír do seu interior polos seus propios medios.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo en marcha un operativo no que interviñeron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de San Cibrao, os membros do GES de Pereiro de Aguiar e tamén os axentes da Garda Civil de Tráfico e efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil.

Segundo a información facilitada ao 112 polos equipos de intervención que acudiron ao lugar, tras a liberación e evacuación do condutor, un guindastre encargouse da retirada do medio de transporte.

O Instituto Armado informou de que o chofer presentaba dor no brazo e o ombreiro e que foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Un equipo de Atestados instrúe as dilixencias do sinistro

A circulación era escasa, polo que soamente se formou unha pequena retención nos primeiros instantes. Co paso alterno facilitado por motoristas, o tránsito normalizouse, sinalou a Garda Civil. 
O envorco produciuse, como ocorreu con outro anterior, na zona das obras. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade