O equinoccio do outono fascina na capela de San Miguel de Celanova
O equinoccio do outono fascina na capela de San Miguel de Celanova
Numerosos visitantes contemplaron o espectáculo dos raios de sol atravesando as ventás do templo prerrománico
Faltaban uns minutos para as nove da mañá cando na capela de San Miguel de Celanova asistiamos ao espectáculo do equinoccio do outono.
"Un ve estas fotos e imaxina que ten algún filtro, pero non. É sorprendente ver o sol saíndo por esas ventaíñas", comenta un mozo de Lugo que asistiu ao espectáculo.
Cada ano nesta data, o sol -que nace tras o San Cibrao de Monte Calvo, lugar de culto na antigüidade- cóase polas ventás desta capela de máis de mil anos de historia.
"É certo que, dous días ao ano, o sol pasa por aquí, póñaste onde te poñas. A maxia é que sexa xusto o día do equinoccio", asegura Antonio Piñeiro, técnico de Cultura de Celanova.
O fenómeno documentouno por primeira vez o enxeñeiro Benito Reza e cada vez congrega máis visitantes. Luís, de Cartelle, rexistrouno co seu móbil para compartilo nas redes sociais.
"É un efecto que merece a pena. Moitas veces imos ver postas de sol a quilómetros de distancia e temos isto aquí", subliña.
Tamén se observa desde dentro da diminuta capela prerrománica, situada na horta do mosteiro de Celanova.
"Ten unha ventá que é coma unha candea. Despois empeza a reflectirse na outra parte da parede... É marabilloso", describe outra das participantes.
Cada seis meses
Ata dentro de seis meses non se repite o espectáculo, no equinoccio da primavera, e sempre que a meteoroloxía o permita.