Publicador de contidos
Publicador de contidos

O escudo antimísiles europeo non é unha prioridade para España, advirte un experto en Defensa

O escudo antimísiles europeo non é unha prioridade para España, advirte un experto en Defensa

O experto en asuntos de Defensa Rodrigo Rodríguez Costa asegura que sería interesante que España participase no proxecto de escudo antimísiles europeo, pero que, en todo caso, "a defensa española ten outras prioridades"

Rodríguez Costa advertiu de que a baixada de investimentos en Defensa en España desde a crise de 2008 impediu a renovación normal por obsolescencia de gran parte do equipamento militar

G24.gal 06/10/2022 09:55

A proposta alemá de creación dun escudo europeo antimísiles non é unha das máximas prioridades defensivas para España. O experto en Defensa Rodrigo Rodríguez Costa sinala que España está xeograficamente situada na retagarda da OTAN e a principal ameaza militar non son os mísiles rusos.  De todas as formas, lembra que España xa participa no sistema antimísiles da Alianza Atlántica. 

"España xa participa de forma colateral no outro sistema de mísiles da OTAN, porque temos aquí en Rota os destrutores norteamericanos, que teñen sistemas de radar e mísiles antimísil. Nós damos protección a esta parte do escudo antimísil da OTAN, pero non sería a nosa prioridade neste momento".

Para Rodríguez Costa, unha das principais prioridades en cuestión de Defensa en España é incrementar o investimento militar. Cómpre ter en conta, di o experto, que España é un dos países da OCDE que menos inviste en defensa en proporción co Produto Interior Bruto.   

"Desde a última crise, en 2008, todos os gobernos que foron pasando pola Moncloa abandonaron totalmente a renovación normal por obsolescencia que teñen estes equipos. Tivemos unha perda de capacidade importante que se empezou a reverter nos últimos 2 ou 3 anos, pero aínda falta moitísimo por facer".

Rodríguez Costa lembra que o sistema antimísiles da OTAN está deseñado fundamentalmente contra un posible ataque iraní. Agora, a principal ameaza parte de Rusia.

"Cando en 2014 se produce a invasión rusa de Crimea, Alemaña decide que é mellor reforzar a súa defensa antimísiles, máis orientada cara aos mísiles que poidan provir de Rusia que aos de Irán".

Para o experto, os sistemas antimísiles da OTAN en Europa están preparados sobre todo para ataques con mísiles balísticos, pero conviría reformular todo o sistema para poder facer fronte a outro tipo de mísiles, como os de cruceiro, etc...

"Trátase máis ben de ter un sistema global de defensa. O goberno alemán ten decidido para si mesmo, non para toda Europa, cal vai ser o sistema antimísiles que vai instalar, que son os israelís Arrow 3. Integrar a toda Europa é un proxecto aínda embrionario".

Respecto da situación da guerra en Ucraína, Rodrigo Rodríguez Costa cre que neste momento o exército de terra ruso está practicamente desaparecido e en franca retirada. Para o experto, estamos nunha das fases máis perigosas da guerra desde os primeiros días da invasión rusa. 

"Moitos expertos non descartan unha actitude agresiva de Moscova con calquera país da OTAN. Desta forma, ante a posibilidade dunha escalada aínda maior do conflito, quizais os gobernos europeos se vexan obrigados a forzar a Ucraína a declarar un cesamento do fogo e iniciar conversas de paz".

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade