O Euribor, a niveis máximos dende 2008, por María Loureiro
OPINIÓN
O Euribor, a niveis máximos dende 2008, por María Loureiro
O Euribor a doce meses, é dicir, o tipo de xuro aplicado entre bancos europeos, que é o máis utilizado en España para calcular as hipotecas, mantén a súa forte tendencia alcista e pecha xaneiro cunha taxa media mensual do 3,337 %, máximo dende decembro de 2008. A escalada do indicador de xaneiro traducirase nunha nova subida ás cotas das hipotecas variables.
Na última sesión de xaneiro, o Euribor repuntou ata o 3,413 %. En taxa media mensual, o Euribor pecha nese 3,337 %, tamén máximos desde decembro de 2008, un nivel en que o indicador leva desde o pasado mes de novembro. A subida neste xaneiro foi de case 32 puntos básicos (en decembro acabou no 3,018 %), e respecto ao mesmo mes de 2022, rexistra un ascenso de 3,8 puntos, xa que hai xusto un ano estaba en negativo (-0,477 %).
Canto máis subirá o Euribor?
O Euribor vive a tendencia alcista máis intensa desde a súa creación debido ao xiro na política monetaria do Banco Central Europeo (BCE), que en 2022 subiu os tipos de xuro en catro ocasións para combater a elevada inflación da eurozona. O indicador comezou o ano pasado en taxas negativas (en decembro de 2021 estaba no -0,502 %) e foi escalando a medida que o banco central elevaba os tipos ata o 3,018 % en decembro 2022.
Hoxe mesmo, está a 3,413 e espérase que suba en breve, pois o Banco Central Europeo (BCE) terá xuntanza o día 2 de febreiro e xa se fala de que nesa xuntanza situará o prezo oficial do diñeiro nun 3 %, e en breve vaticínase outra suba para marzo, doutro medio punto, ata chegar ao 3,5 %. Con todo, espérase que o Euribor siga á alza e chegue a situarse entre o 3,5 % e o 4 % "a finais do primeiro trimestre de 2023 ou a principios do segundo".
E que sabemos cara a finais de ano?
O comportamento nos vindeiros meses do Euribor estará moi ligado á evolución da inflación na eurozona. Se a inflación se mantén a niveis altos, definitivamente a entidade reguladora (BCE) verase obrigada a manter ou subir os tipos de xuro, para reducir o consumo e así tratar de provocar caídas xeneralizadas de prezos no mercado. A inflación debería estar de novo controlada para mediados ou finais deste ano, e de non estalo afectará moito outras predicións de crecemento internacional e a propia reputación do BCE.
A taxa de inflación interanual na eurozona no 2022 foi de 9,2 % en decembro 2022. A expectativa é que Europa retorne a taxas de inflación consideradas normais arredor do 2-2,5 % no ano 2024, e que este ano non superemos o 4,5 %. Agora mesmo, os últimos datos que coñecemos son que a inflación en España se situou en xaneiro en 5,8 % e a subxacente nun 7,5 %. Por tanto, e dada a diferenza entre a inflación actual e a inflación obxectivo para este ano, todo parece indicar que non nos vai quedar outra que adaptarnos a máis subidas do prezo do diñeiro e que será moito máis caro pedir cartos prestados, sexa para hipotecas, sexa para calquera outro tipo de crédito. En fin… todo este sufrimento para que dunha vez por todas baixe o IPC…