Publicador de contidos
Publicador de contidos

O exmozo de Déborah nega que estivese con ela o día da desaparición

O exmozo de Déborah nega que estivese con ela o día da desaparición

O único investigado por este crime negouse a responder ás preguntas do avogado da familia da moza asasinada

Entrada nos xulgados do exmozo de Déborah Fernández (EFE/Salvador Sas)
G24.gal 11/03/2022 14:03

O exmozo de Déborah Fernández, a moza viguesa cuxo cadáver foi achado hai 20 anos nunha cuneta do Rosal, defendeu este venres a súa inocencia na súa comparecencia como investigado no Xulgado de Instrución 2 de Tui, onde respondeu ás preguntas da xuíza, o Ministerio Fiscal e o seu avogado, mentres que rexeitou contestar ás do avogado da familia. Tamén negou que estivese con Déborah o día no que desapareceu.

"Para nós é unha pena porque tiñamos moitas preguntas para facerlle de moitas dúbidas que temos, e el deu a súa versión, lexitimamente, e non temos máis nada que dicir", dixo ás portas do xulgado Ramón Amoedo, avogado da familia de Déborah.

Acompañado polo seu avogado, o investigado acudiu puntual á cita nos xulgados de Tui, onde chegou ás 9:15 horas

Foi un interrogatorio dunhas dúas horas, o primeiro ao que se somete como investigado o que a policía considera como principal sospeitoso do crime, aínda que previamente declarara media ducia de veces en sede xudicial. Eses testemuños, segundo os avogados da familia de Déborah, son contraditorios entre si, e por iso tampouco lles sorprendeu que a declaración de hoxe fose "un pouco distinta".

Respecto diso, Rosa, irmá de Déborah e portavoz da familia, asegurou que o investigado "está no seu dereito de mentir" e que esperaría a poder ler a declaración de hoxe para "dicir a cantidade de incongruencias que hai fronte a anteriores declaracións".

Preguntada acerca de como viviu o momento de ver entrando no xulgado a quen a Policía apuntou como principal sospeitoso neste caso, Rosa Fernández admitiu que sentiu "rabia, moita rabia contida".  

Con todo, con respecto ao incidente co avogado defensor (que lle dixo que "calada" estaba "máis guapa" ao increpar Rosa ao exmozo de Déborah), restoulle importancia e atribuíuno ao "nerviosismo". "Todos estamos  histéricos, falamos dun asasinato, non é un delito menor, pero hai que ser prudentes, animo a todos a ser prudentes", resolveu.

“Ningunha declaración das que prestou se asemella ás demais”, dixo Amoedo, quen se preguntou “como pode ser que unha persoa se contradiga en tantas ocasións”.

O interrogatorio da xuíza e o Ministerio Público, segundo Amoedo, “foi bastante exhaustivo”, aínda que el preferiría que fose máis longo, e en todo caso, polo menos para os avogados da familia non serviu, de momento, para lanzar luz sobre o caso.

O interrogatorio produciuse nunha semana en que o Instituto Nacional de Toxicoloxía remitiu un informe segundo o cal atopou ADN masculino nunha das uñas do cadáver de Déborah, exhumado a pedimento da familia o pasado 18 de maio.

Agora, os avogados da familia solicitarán a ampliación da proba pericial para tentar determinar os marcadores xenéticos achados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade