O Festival Valacar da ONCE estrea novo espectáculo teatral, con funcións ata o próximo día 25

G24.gal 16/11/2023 21:48 Última actualización 16/11/2023 22:45

Sobre o escenario desenvólvese a obra O Gran Teatro Natural de Oklahoma. Nela, o personaxe de K enfróntase a un dilema. "Está atrapado pola súa nai, polas súas circunstancias e pola súa cabeza. É unha loita por saír da escuridade e ir cara á luz", explica o actor Felipe Cotelo que interpreta a K. A actriz Ana Docampo describe a Bauz, o seu personaxe: "A nai de K é unha figura castradora, que está aí para impoñer o medo".

Coma contraposición aparece a figura de Hans. "El busca que a xente que queira cumprir os seus soños saiba que o Gran Teatro Natural de Oklahoma permite darche esa oportunidade", aclara o actor Willy Méndez. 

Dez personaxes dan vida a esta versión teatral. Están representados por Valacar, un grupo formado por actores e actrices da ONCE. Todos eles con discapacidade visual.

O director do grupo Valacar destaca o traballo realizado: "Tivemos que traballar moito para que o texto puidese lucir no escenario e que nós lográsemos transmitir o que realmente transmite este texto, que é do dramaturgo Sanchis Sinisterra, gañador do Premio Nacional de Teatro, e de gran renome tanto nacional como europeo". 

Coa estrea deste novo espectáculo, o Festival de Teatro Valacar inicia unha nova serie de funcións enmarcadas dentro das actividades culturais da ONCE, que se prolongarán ata o sábado da vindeira semana, día 25.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade