Publicador de contidos
Publicador de contidos

O galego e as outras linguas cooficiais poderán usarse no Congreso desde o martes

O galego e as outras linguas cooficiais poderán usarse no Congreso desde o martes

A medida foi aprobada pola maioría progresista da Mesa da cámara baixa

G24.gal 13/09/2023 12:07 Última actualización 13/09/2023 12:29

A Mesa do Congreso acordou cos votos da maioría progresista que o galego, canda as outras linguas cooficiais -catalán e eúscaro- poidan utilizarse desde o pleno do próximo martes, 19 de setembro, enque se debaterá precisamente a proposición que reforma o regulamento para a súa implantación definitiva.

Ademais das linguas cooficiais que requirirán tradución simultánea de intérpretes, os deputados que o desexen poderán falar noutras linguas non oficiais, como o aragonés ou o asturiano, sempre que o propio parlamentario se autotraduza utilizando o tempo de intervención.

Desta forma ponse en marcha o uso no Congreso das linguas diferentes do castelán, que empezarán a escoitarse no pleno do martes 19, que comezará ás 12:00 horas, así como nos seguintes plenos do xoves 21 e durante os plenos da investidura do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, os días 26 e 27 de setembro.

Con esta decisión, o PSOE e Sumar dan cumprimento ao anuncio que realizou a presidenta do Congreso, Francina Armengol, no discurso que pronunciou tras a súa elección o pasado 17 de agosto, cando asegurou que as linguas cooficiais poderían utilizarse desde ese mesmo momento.

O uso do catalán, o galego e o éuscaro foi a condición que os grupos independentistas de ERC e Junts puxeron ao PSOE para apoiar a elección de Armengol e garantir así unha maioría progresista na Mesa da cámara.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade