O gasóleo agrícola subiu un 64 % desde 2021
O gasóleo agrícola subiu un 64 % desde 2021
O sector pide aumentar a bonificación ata os 7,5 céntimos por litro
Piden un sistema máis áxil e sinxelo para o cobro das axudas
O prezo do leite baixa nas granxas pero os custos de producilo non deixan de subir. Nótase moito na gasolineira, onde encher o depósito do tractor é hoxe un 64 % máis caro ca hai 2 anos.
"Eu enchía hai dous anos o tractor con 250 euros, o ano pasado cheguei a pagar 500, agora son máis de 400, segue a ser unha barbaridade", explica o gandeiro Iván Villamil.
"Subiu moito no último mes, e claro que se nota, eu estaba en plena campaña de herba seca", di Ana García, outra gandeira de Rodeiro.
O gasóleo B está hoxe de media en Galicia nun euro con 33 céntimos. Malia que despois se lles fai o desconto dos 20 céntimos e outros 6 da devolución do imposto de hidrocarburos, as contas seguen sen saír nas ganderías. Por iso desde o sector demandan medidas.
"Dos 6,3 céntimos de devolución do imposto de hidrocarburos pódese chegar ao tope de 7,5 que permite Europa, é un bo momento para facelo, é necesario xunto con outras medidas que fagan que non desaparezan máis explotacións", demanda Félix Porto, coordinador sectorial de Unións Agrarias.
Piden ademais axilizar o sistema de cobro destas bonificacións. En vez de cobralas unha vez ao ano despois dunha complexa tramitación, suxiren poder recibir o desconto no momento que enchen os depósitos.
"Tes que gastar cartos nun xestor ou que cho faga o sindicato, é moita a burocracia na gandería, cada vez máis horas facendo papelame", comenta Ana.
Papelame, subas de custos e baixada de prezos nos contratos do leite, que desaniman e comprometen a rendibilidade dalgunhas granxas.