As ofertas turísticas de "glamping" collen pulo en Galicia
As ofertas turísticas de "glamping" collen pulo en Galicia
Este tipo de hospedaxe permite acampar en medio da natureza, pero con todas as comodidades
Os aloxamentos sitúanse en bosques, praias ou montañas afastadas do ruído e das grandes cidades
Neste bosque de 5.000 metros cadrados de Baredo, no concello de Baiona, está o glamping do mar. Un terreo rodeado por piñeiros, carballos e castiñeiros con vistas ao océano Atlántico e as illas Cíes.
Mar é unha das propietarias deste espazo turístico que puxo en marcha en outubro. O glamping é unha tendencia en alza tras a pandemia que propón durmir en plena natureza pero con todas as comodidades.
"O glamping para nós é estar en plena natureza e non botar nada de menos cando estás aquí hospedado. Ter no elipsoide todas as comodidades que poidas ter nun hotel".
Os aloxamentos teñen forma de elipse. Están feitos de madeira. A súa forma semella a dun ourizo. Son cinco e teñen capacidade para varias persoas.
Sara Mesa, a recepcionista e unha das empregadas, explícanos as características desta hospedaxe respectuosa co medio natural.
"Todos teñen en común unha gran fiestra con vistas ao noso océano Atlántico. Una bañeira de hidromasaxe onde entran ben dous adultos e cociña totalmente equipada. Agora mesmo, en temporada alta, a noite rolda uns 180 euros a noite para dúas persoas".
Estes días están completos. O perfil da clientela, maioritariamente, parellas. Falamos cunha dela, Vén dende Vigo, buscando esa ansiada tranquilidade lonxe do rebumbio.
"A verdade que espertar aquí co amencer, a tranquilidade, porque non se escoita absolutamente nada e están moi ben illados os elipsoides, o que nos chamou moitísimo a atención".
Non é o único en Galicia. Este atópase nun bosque pero tamén os hai situados a carón da praia ou en montañas afastadas do ruído das grandes cidades, pero con todas as comodidades para gozar dun fogar onde o ceo, a paisaxe e o mar son os auténticos protagonistas.