Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno aprobará este martes un decreto de axudas para 130 vítimas da talidomida

O Goberno aprobará este martes un decreto de axudas para 130 vítimas da talidomida

As axudas poderán solicitarse desde a publicación do decreto no BOE e a súa xestión correrá a cargo do Imserso

G24.gal 03/07/2023 08:59

O Consello de Ministros ten previsto aprobar este martes un decreto de axudas económicas para 130 vítimas da talidomida, un fármaco que hai varias décadas causou malformacións no embarazo, segundo avanzou este luns o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

O departamento que dirixe Ione Belarra indicou que o decreto "busca facer xustiza cos afectados en España, un dos países que máis tardou en prestarlles apoio".

O Instituto Carlos III de Madrid, unha entidade sanitaria pública, avaliou os afectados e fixo o censo e o protocolo para as axudas, cuxo importe varía en función do grao de discapacidade contraído como consecuencia da exposición ao medicamento.

Así, por exemplo, segundo explicou Dereitos Sociais, para unha persoa cun 33 % de discapacidade a axuda ascenderá a 396 000 euros nun pago único, a razón de 12 000 euros por cada punto fixado no protocolo, e segundo foi establecido nunha disposición adicional da Lei de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2018.

As axudas poderán solicitarse desde a publicación do decreto no BOE e a súa xestión correrá a cargo do Imserso, dependente do Ministerio de Dereitos Sociais.

A talidomida foi un fármaco que se comercializou nos anos cincuenta e sesenta do século pasado como calmante das náuseas nos primeiros meses de embarazo, que provocou miles de casos de malformacións nos fetos.

A principal malformación foi a focomelia, unha anomalía conxénita caracterizada pola carencia ou excesiva curtidade das extremidades.

Ata a data, só 24 vítimas recibiran axudas, de acordo con unha disposición dos PGE de 2009, pero ese intento de reparar as vítimas, con todo, enfrontouse a serios problemas para determinar a relación de afectados pola talidomida, e por iso agora para determinar as axudas realizáronse máis de 600 análises complexas.

Segundo lembraron fontes de Dereitos Sociais, nese proceso participaron xenetistas do Sistema Nacional de Saúde, sen a colaboración da industria farmacéutica nin de empresas privadas, e deseñaron un panel de xenes único no mundo.

A Asociación de Vítimas da Talidomida en España, que representa máis da metade dos afectados que recibirán as axudas, reuniuse hai mes e medio con representantes da Fiscalía para pedir a apertura dunha investigación por se cabía prevaricación do Goberno ao non concederse aínda as axudas tras a súa aprobación nos Orzamentos hai cinco anos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade