O Goberno cre que non hai motivos para adiantar as obras na N-541
O Goberno cre que non hai motivos para adiantar as obras na N-541
Desde o Ministerio de Transportes din que os traballos de mellora comezarán en maio
Falece un motorista nun accidente na N-541 en Cerdedo-Cotobade
O mes de maio. Esta é a data que o Goberno central baralla para empezar coas obras de mellora na N-541. Insiste en que non hai motivos para adiantala "e seguir cos proxectos de seguridade que temos moitos, pero neste caso, este non é un treito onde se produciran accidentes" é o que di Isabel Pardo de Vera, secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Non pensan o mesmo os sete alcaldes que asinaron o pacto de Pedre. Para eles o viaduto por onde se precipitou ao Lérez o autobús en Noiteboa é só un dos puntos negros que hai ao longo desta vía. E por iso non queren entrar a avaliar a quen agora os acusa de facer oportunismo político.
Para Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, "negar que aquí hai accidentes, que hai saídas de vía e vítimas é deixar de ser útil para a sociedade e para os nosos concellos, e por iso todos os alcaldes, independentemente da cor política, estamos unidos a través deste foro para empezar a crear unha corrente política favorable á necesaria reforma integral desta entrada".
Pero a ausencia no pacto da rexedora de Forcarei non deixa indiferente a veciñanza, porque din que o que está en xogo é a súa seguridade.