O Goberno mantén a presión sobre Ferrovial na véspera da votación do seu traslado
O Goberno mantén a presión sobre Ferrovial na véspera da votación do seu traslado
A ministra de Facenda insiste en que a compañía pode manter a súa sede en España e cotizar nos Estado Unidos
Noruega, que posúe o 1,5 % da compañía, anuncia que votará a favor do traslado
Faltan menos de 24 horas para a xunta de accionistas de Ferrovial en que se votará o traslado da súa sede aos Países Baixos. A empresa di que o fai para poder saír a bolsa nos Estados Unidos e non para pagar menos impostos.
Ata o último minuto, o Goberno fai un chamamento para que a compañía reconsidere o seu plan. "Os accionistas de Ferrovial teñen todo o dereito de situar a sede da súa compañía onde desexen, pero tamén teñen todo o dereito a coñecer a verdade, das vantaxes e dos inconvenientes das decisións que adopten", asegurou o ministro da Presidencia, Félix Bolaños.
E é que, segundo o Goberno, os argumentos de Ferrovial non son válidos e o traslado podería ter consecuencias tributarias. María Jesús Montero, ministra de Facenda, insistía hoxe en que "non existe na lexislación ningún impedimento para que esta empresa poida cotizar nos Estados Unidos".
Pero o presidente da CEOE apunta que non coñece ningunha empresa que cotice nos Estados Unidos mantendo a sede social en España. Por iso, Antonio Garamendi pídelle ao Goberno "un respecto profundo ás decisións dunha empresa que é privada" e aféalle ao executivo as súas "presións". Na súa opinión, dende o punto de vista legal, o traslado "está perfectamente clarísimo que se pode facer" xa que "é un cambio dentro da propia Unión Europea".
Dende o PP acusan o Goberno de intervencionismo e de insultar o empresariado. "Non o fixeron só con Ferrovial, fixérono co Banco Santander, con Iberdrola, con Zara, con Mercadona...canto emprego crean estas empresas no noso país e o Goberno dedícase a insultalas e atacalas", asegurou o coordinador xeral do partido, Elías Bendodo.
Nas últimas horas, un dos accionistas minoritarios de Ferrovial, o Estado de Noruega, decidiu cambiar o seu voto e anunciou que si vai apoiar o traslado da empresa.