O Goberno, obrigado a indemnizar a Dragados con 7,7 millóns polos atrasos na A-54
O Goberno, obrigado a indemnizar a Dragados con 7,7 millóns polos atrasos na A-54
A Audiencia Nacional condena o Ministerio de Fomento polos sobrecustos ocasionados debido aos atrasos na construción do tramo entre A Lavacolla e Arzúa Oeste
A Audiencia Nacional (AN) condenou o Ministerio de Fomento (actual Ministerio de Transportes) a abonar a Dragados (grupo ACS) 7,7 millóns de euros polos sobrecustos ocasionados debido aos atrasos na construción do tramo entre A Lavacolla e Arzúa Oeste, na autovía Santiago-Lugo.
Nun ditame con data de febreiro de 2023, que adianta este venres Economía Dixital e que recolle Europa Press, a sección oitava da Sala Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional estima parcialmente as pretensións de Dragados, xa que a demandante reclamaba unha cantidade que ascendía a 8,7 millóns por danos e prexuízos.
Ao longo das oito páxinas da sentenza, a Sala dá conta dos diferentes atrasos acumulados dos que hai constancia nunhas obras que se adxudicaron por 88,3 millóns de euros e acabaron incrementándose ata os 115,7 millóns.
Estas obras tiñan un prazo de execución de 38 meses entre 2009 e 2013, pero sumaron unha demora de máis de cinco anos (a súa inauguración oficial non foi ata 2019).
Para empezar, o propio inicio das obras dilatouse máis de tres meses e medio polo atraso nas indemnizacións polas expropiacións de terreos. Tras iso, producíronse diferentes reaxustes por falta de dispoñibilidade orzamentaria do por entón Ministerio de Fomento.
Na sentenza recóllense informes como o da directora das obras, que apunta a que "a execución dos traballos desenvolveuse extraordinariamente lenta, moi lonxe do rendemento esperado".