Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno regulará a alimentación saudable en comedores escolares

O Goberno regulará a alimentación saudable en comedores escolares

O decreto que prepara o Executivo sitúa en cando menos o 45 % o uso de froitas e verduras de tempada e proximidade

Ademais, insta a reducir o sal, os concentrados, os potenciadores do sabor, as salsas e o azucre e a que se cociñe no forno, ao vapor ou á grella, no canto de fritir e rebozar

G24.gal 15/09/2022 10:13

O Goberno quere que os menús escolares sexan saudables, con produtos de proximidade, ecolóxicos e con prioridade para aqueles respectuosos co medio ambiente e o benestar animal.

Cociñar no forno, ao vapor ou á grella, no canto de fritir e rebozar, e utilizar polo menos un 45 % de froitas e verduras de tempada e proximidade nos menús escolares son algunhas das medidas que o Goberno quere incluír nun real decreto para fomentar a alimentación saudable e sostible nos colexios.

Así o prevé o proxecto que sae este xoves a audiencia pública, co que se abre un prazo de 15 días hábiles para que os interesados fagan os seus comentarios e presenten propostas de mellora, antes da aprobación desta norma, prevista para o segundo semestre de 2023.

A normativa, impulsada polo Ministerio de Consumo e consultada xa coas comunidades e os sectores afectados, prevese implantar nos centros educativos públicos, concertados e privados de segundo ciclo de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Educación Especial. 

O obxectivo desta iniciativa é garantir o acceso a unha alimentación e nutrición de calidade, saudable e sostible; elevar o nivel de protección da saúde dos escolares e introducir criterios nutricionais e de sustentabilidade para a contratación, adquisición e oferta de alimentos e bebidas nos centros educativos.  

O departamento que dirixe Alberto Garzón quere fomentar así a dieta mediterránea, baseada en alimentos frescos, de tempada e proximidade.

Ademais, pretende aumentar ata un mínimo do 5 % o uso de alimentos de produción ecolóxica e prioriza o uso dos producidos de forma respectuosa co medio ambiente e o benestar animal.   

Prevé tamén a dispoñibilidade de menús especiais tanto por diagnóstico médico debido a alerxias ou intolerancias, como por razóns culturais, éticas ou relixiosas

Insta a reducir o sal, os concentrados, os potenciadores do sabor, as salsas e o azucre nas preparacións e avoga por aderezar con aceite de oliva virxe extra e cociñar e fritir co de oliva ou xirasol alto oleico.   

A iniciativa de Consumo tamén ten como finalidade a redución de residuos e o desperdicio alimentario, e recomenda a distribución de xerras de auga da billa nas mesas dos comedores, salvo que non sexa posible por motivos de subministración. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade