O gran laboratorio de pasta de coca que pasou desapercibido en Cotobade
O gran laboratorio de pasta de coca que pasou desapercibido en Cotobade
Estaba nunha casa illada, no medio do monte, a decenas de metros doutras vivendas
Buscaron unha casa illada e non mantiveron ningún tipo de contacto coa veciñanza máis próxima. Sabían que só así poderían pasar inadvertidos mentres montaban un dos maiores laboratorios de Europa para fabricar pasta de cocaína en Cerdedo-Cotobade.
As imaxes captadas cun dron dan conta das dimensións da propiedade que estaba controlada por cidadáns colombianos e mexicanos.
A vivenda está rodeada de monte, a decenas de metros das outras dúas casas veciñas. Nun dos laterais do pendello onde se fabricaba a cocaína, amoréase unha gran cantidade de garrafas de plástico.
No marco da operación, que continúa aberta, arrestaron 12 persoas na provincia de Pontevedra e outras 6 en Madrid, Bilbao e As Palmas. Todas ingresaron no cárcere por tráfico de drogas e pertenza a organización criminal. A Audiencia Nacional encárgase das dilixencias.